Ramón Otero Pedrayo e Del Riego: achegas á enteireza dunha amizade fraternal

O Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista, Ultreia, a editorial Galaxia, a revista 'Grial', a Fundación Penzol… Otero Pedrayo e Fernández del Riego compartiron durante anos a entrega polas letras, a literatura e a cultura galegas e, en especial, pola lingua. Entre ambos os dous forxouse unha amizade sólida e sincera da que dá mostras Patricia Arias nesta peza.
Del Riego abrazándose a Ramón Otero Pedraio, en Compostela, 
no ano 1968 (Imaxe: Arquivo Antón Mascato)
photo_camera Del Riego abrazándose a Ramón Otero Pedraio, en Compostela, no ano 1968. (Imaxe: Arquivo Antón Mascato)

Ramón Otero Pedrayo (1888-1976) e Francisco Fernández del Riego (1913-2010) foron amigos durante máis de corenta anos. Coñecéronse o 25 de xaneiro de 1932 nunha sesión ordinaria da Comisión directora do Seminario de Estudos Galegos na que se presentaron traballos de Xurxo Lorenzo e Afonso Vázquez Martínez. O mozo que daquela era Del Riego (1988: 9) lembrou aquel primeiro encontro moitos anos despois:

“El andaba polos cuarenta anos de idade, e eu polos dezanove. Falou arreo nesa ocasión, e eu apenas fixen outra cousa que escoitalo, fascinado polas súas palabras. Aproveitando unha pausa, formuleille, temesiñamente, algunhas inxenuas preguntas. Respostounas decontado con aquel seu xeito ricaz de se expresar. Decateime, por síntomas moi leviáns, que me cobraba simpatía. A partir de entón, no decorrer dos anos, fumos facendo de a pouco –pesie á diferencia de idade- un íntimo e fondo sentimento amistoso”.

O 25 de xullo do ano seguinte cadraron de novo. Esta vez no xantar da Barxa, en Vigo. Un multitudinario encontro no que o deputado Otero Pedrayo presidía a mesa xunto a Gómez Román e Gloria Lorenzo. Esta, en representación das mulleres. Alí estaban tamén os señores Mestres e Arana, en representación dos cataláns e dos vascos, Alexo Carreira, en representación dos galegos de Lisboa, e os concelleiros Andrade e Costas.

Foi un acto emocionante, de patriotismo e confraternización, que axuntou a máis de douscentos comensais. Na sobremesa tomaron a palabra Núñez Búa, Gómez Román e Francisco Fernández del Riego que, segundo A Nosa Terra do 30 de xullo dese ano: “Falou do actual movimento cultural galego, que xa inicióu a sua traiectoria de perfeita diferenciación e autonomía, que o levará a formar con dinidade parte destacadada gran melodía universitaria”.

Desde aquela estreitouse a amizade. Traballaron xuntos nos principais proxectos culturais e políticos de preguerra e colaboraron con entusiasmo e teimosía na recuperación do noso sistema literario tras o golpe de estado do 36. O Seminario de Estudos Galegos, o Partido Galeguista, Ultreia, a editorial Galaxia, a revista Grial, a Fundación Penzol…, viron como estes dous grandes das nosas letras compartían ideoloxía e dinámicas de traballo. Nunca tatexaron e conforme foron pasando os anos consolidaron a complicidade.

[Este é un extracto do texto que se publicará no SERMOS GALIZA ESPECIAL FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO o 13 de maio. Para ler o artigo íntegro, compra Nós Diario nos puntos habituais de venda este sábado]

Comentarios