Del Riego, o exilio interior: a etapa que abrangue de 1939 a 1963

A chegada de Francisco Fernández del Riego a Vigo, marcada polo encarceramento de Valentín Paz Andrade, é o punto de partida do artigo de Antón Mascato, que se somerxe na reorganización do galeguismo a principios dos anos corenta e nas diferenzas entre os galeguistas “do interior” e os que permanecían no exilio.
Del Riego, no despacho de avogados de Valentín Paz-Andrade, após a súa chegada a Vigo, en 1940 (Imaxe: Arquivo Antón Mascato)
photo_camera Del Riego, no despacho de avogados de Valentín Paz-Andrade, após a súa chegada a Vigo, en 1940. (Imaxe: Arquivo Antón Mascato)

Non podía ser máis desalentadora a chegada de Francisco Fernández del Riego á cidade de Vigo, inhabilitado para o traballo baixo o cargo de “galleguista y afecto al Frente Popular” e moi coñecido polas súas actividades no nacionalismo organizado nos anos da II República en Compostela. A súa participación na guerra de 1936 no bando sublevado non lle garantía a inmunidade.

Tiña que mudarse, pedíralle ao seu “irmán no galeguismo” Valentín Paz Andrade acubillo no seu bufete de Vigo -con resposta positiva do pontevedrés- onde era asesor legal dos industriais da pesca, masivamente falanxistas. Moitos deles implicados directamente no exterminio de antigos dirixentes do sindicalismo mariñeiro. Mais xa antes da súa chegada á estación viguesa do comboio sabe que o seu valedor está no cárcere agardando o desterro. 

Sen cartos e sen traballo comeza o seu “exilio interior” con medo polas represalias incesantes, urxido pola necesidade alimentaria e co fardel da memoria cangado de dor polos “irmáns” asasinados: Bóveda, Ánxel Casal, Camilo Díaz Valiño… e a saudade dos que marcharan con rumbo a Bos Aires, Castelao, Seoane… Mais había que vivir, agochando na súa cabeza de estratega unha consigna que logo se ha revelar: “había que frear aquela sangría” política e cultural. 

"Comandante Francisco Fernández"

Serán os seus primeiros empregos os relacionados co bufete de Paz Andrade, actualizando os coñecementos de dereito civil, exercendo de profesor en colexios privados de xeito clandestino e usando unicamente o seu nome e primeiro apelido ao que lle antepuxeron un rango militar que nunca tivo: comandante Francisco Fernández. E asumindo a edición da revista Industrias Pesqueras, propiedade da patronal asociada. Nela fará de todo, redactar notas soltas, pequenos informes, artigos de fondo, diagramar e corrixir probas, pedir colaboracións, encomendar a publicación...

Segue aquí a mesma liña que desenvolverá anos máis tarde na dirección da revista Grial, enchendo todos os ocos, cubrindo a quen incumpría os prazos… Pode resultar sorprendente que dende o seu primeiro artigo, xaneiro de 1940, apareza asinando co seu nome completo e coa coñecida caricatura que lle fixera Carlos Maside. A que responde esa dupla maneira de estar na mesma cidade? Por que amosa tal disparidade entre o ensino privado e unha publicación de ampla circulación na comarca de Vigo?

[Este é un extracto do texto que se publicará no SERMOS GALIZA ESPECIAL FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO o 13 de maio. Para ler o artigo íntegro, compra Nós Diario nos puntos habituais de venda este sábado]

Comentarios