Del Riego xornalista

Con motivo do Día das Letras Galegas, Sermos Galiza S.A. edita unha publicación, coa colaboración do Concello de Pontevedra, na que se recollen por vez primeira, de maneira conxunta, as entrevistas realizadas por Francisco Fernández del Riego a grandes vultos da sociedade e da cultura galega na revista Galicia Emigrante.
O intelectual Francisco Fernández del Riego, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas. (Foto: Editorial Galaxia)
photo_camera O intelectual Francisco Fernández del Riego, a quen se dedica este ano o Día das Letras Galegas. (Foto: Editorial Galaxia)

De encadernar a obra completa de Francisco Fernández publicada en xornais e revistas, sen dúbida algunha, o lineal do andel multiplicaría a dimensión dos seus libros publicados. Desde moi novo, xa desde os centros educativos en que se formou, Del Riego implicouse na elaboración de publicacións periódicas nun labor que nunca abandonaría. 

De maneira simultánea, en cabeceiras do territorio galego e do exilio e a emigración, en publicacións noutros países ou en revistas especializadas -tamén en pesca e economía- para completar o salario, o labor do escritor supera con moito o xa xeneroso de tantos nomes da nosa cultura para os que as páxinas dos xornais eran unha maneira de difundir ideas e achegarse ao público.

Con distintos nomes, son varios os pseudónimos que utilizaba con profusión, ou mesmo de maneira anónima -confesaba que, en moitas ocasións, había que completar páxinas baleiras e alí estaba el para botarse a escribir-. Del Riego acumulou na súa vida unha cantidade inmensa de páxinas aínda dispersas ou de difícil localización -algunhas imposíbeis xa- creadas para seren lidas no momento, sen vontade de perdurar, aínda que, pasado o tempo, agroman como materiais de indubidábel valor, como é o caso destas entrevistas que agora recollemos. 

Este traballo xeneroso responde, sen dúbida, á súa condición de obreiro, de traballador da cultura, de elo necesario e interlocutor preciso para dar a coñecer as personalidades e as obras que estaban a contribuír a desenvolver distintas disciplinas na Galiza. O home de tantas facetas nunca abandona o seu contacto co papel de prensa e pode ser que ese sexa o que con maior claridade nos achegue a súa dimensión de compromiso coa nosa cultura e o noso país. 

Mais Del Riego dista de ser neste labor un intelectual ao uso que bota man dunha linguaxe doutrinaria ou culturalista na súa presenza nas distintas cabeceiras. Ademais da infinidade de artigos de opinión, pequenos ensaios e mesmo crónicas, o escritor visita actividades e formatos reservados para xornalistas de oficio. Como podemos comprobar na súa longa traxectoria intelectual e profesional, en diferentes ocasións, Del Riego promoveu e deseñou a creación de novas publicacións e púxose tamén á fronte como director dalgunhas delas. Oficio de xornalista, sen dúbida, que se aprecia aínda con maior claridade nos traballos recollidos nesta publicación, nas entrevistas con personalidades da cultura galega que publica na revista Galicia Emigrante, dirixida polo seu amigo Luís Seoane. 

Estamos, como poderán ver, diante dun conxunto compacto de entregas xornalísticas que semellan mesmo unha serie cun deseño e obxectivo común. O autor busca facer unha diagnose da cultura galega a través dos seus protagonistas e, para iso, conversa con algúns dos nomes máis destacados desa cultura que se abre paso e quere manifestarse por si propia e faino na nosa lingua. De feito, nesta publicación bilingüe, Del Riego utiliza o galego para as súas entrevistas excepto en dúas ocasións, un xénero aínda pouco visitado na prensa daquel tempo e cuestionado moitas veces como pouco apropiado para a prensa escrita. 

Malia iso, Del Riego bota man da entrevista e faino con todos os requirimentos que o xénero contempla nas técnicas da escrita xornalística. É dicir, o escritor non ofrece un diálogo man a man con outros compañeiros de época na cultura galega senón que se limita a facer preguntas, desenvolve un cuestionario no que o entrevistador pasa a un segundo plano, case desaparece, outorgándolle o protagonismo á persoa entrevistada. 

Non se atoparán nestas entrevistas preguntas longas, requintadas, que manifesten o pensamento ou os coñecementos de quen as fai. O autor toma distancia e sométese á pregunta xornalística de condición breve para pór o foco na resposta. 

Neste sentido, repite en cada unha das entrevistas o mesmo formato que comeza cunha entrada ou presentación, continúa co corpo no que se suceden as preguntas e respostas e remata cun “cabo” ou “coda” -é como el mesmo as titula- á maneira de fechamento do texto. Esa estrutura permítelle ao autor empregar a introdución para presentar datos de contexto -por exemplo, onde se desenvolve a entrevista- e mesmo trasladar a relación que ten co entrevistado ou entrevistada no que é o único espazo en que se permite ser autorreferencial, sempre en relación coa personalidade á que se dirixe. 

Un proxecto pioneiro 

Celestino F. de la Vega, Plácido Castro, Franco Grande, Sebastián Martínez-Risco, Cesáreo Saco, Carvalho Calero, Ánxel Fole, Ramón Lugrís, Fernández Oxea, Isidro Parga Pondal ou Xohana Torres son algunhas das personalidades protagonistas deste conxunto de entrevistas, un corpus único e singular que, dalgunha maneira, reflicte tamén a personalidade do seu autor, virado para o compromiso coa cultura galega e a súa difusión. 

Constitúe, por tanto, este traballo en prensa de Del Riego un proxecto singular, case único na cultura galega e, cando menos, pioneiro do que serían moitos anos despois os libros de entrevistas que tirou do prelo o mundo editorial galego. Con vontade de facer unha cartografía da cultura galega ou presentar os seus senlleiros protagonistas, teremos que agardar ao volume asinado por Víctor Freixanes, Unha ducia de galegos, publicado por Galaxia en 1976, ou Mulleres de Úrsula Heinze ou Un país a medio facer de Fran Alonso -que inclúe unha entrevista co propio Del Riego- os dous de Edicións Xerais en 1991 e 2008, respectivamente. Ademais dalgún outro volume con carácter especializado -ben poetas ou ben artistas- ou libros individuais como os asinados por Carlos Casares con Ánxel Fole; Carme Blanco con Carvalho Calero, Fernán Vello e Pillado Maior con Carvalho Calero ou Beiras, Salgado e Casado con Ferrín, Santiago Prol e Xan Carballa con Francisco Carballo, Xan Carballa con Xavier Vence, Xosé Mexuto con Francisco Rodríguez, Emilio Araúxo con Uxío Novoneyra, María Reimóndez con Ana Pontón ou Suso de Toro con Camilo Nogueira, por citar só uns cantos que se achegan a unha personalidade en profundidade coa entrevista como ferramenta. 

Publicadas agora por vez primeira de maneira conxunta nunha publicación única, as entrevistas de Francisco del Riego antóllansenos como pioneiras dun xénero que tardaría en despegar no noso panorama cultural e que só tomaría pulso en formato de libro con conversas en profundidade con figuras do mundo da política ou da cultura e autores tamén recoñecidos.

Oficio de xornalista

É a revista Páginas Calasancias dos Escolapios de Monforte en que cursa o bacharelato onde deita os seus primeiros escritos para logo continuar en Vallibria, o semanario de Mondoñedo dirixido por Trapero Pardo. Xa nos estudos superiores, dirixirá a revista Universitarios, introducindo temas de carácter galego que até o momento estaban ausentes no índice da publicación. Nos anos trinta, os seus artigos aparecen en El Pueblo Gallego mais tamén en publicacións catalanistas como La Universitat Catalana ou La Publicitat. En 1933, con só vinte anos, ponse á fronte de A Nosa Terra, o semanario voceiro do Partido Galeguista. 

Moitas son, pois, as cabeceiras coas que Del Riego colabora ao longo da súa vida e, así, o ourensán Heraldo de Galicia, Guieiro da Federación de Mocidades Galeguistas, Ser, Galicia e A Fouce de Buenos Aires, o Irmandiño de Montevideo, Alento, La Noche ou Nós acollerán tamén a súa sinatura. O oficio de xornalista ofreceralle, en distintas ocasións, unha maneira de conseguir recursos económicos como acontece cando inicia a súa colaboración na revista Industrias Pesqueiras promovida por Paz Andrade, en Industria Conserveira, en Imán, de información deportiva, ou na Revista de Economía de Galicia coa que colabora de 1958 a 1968.

En 1947, bota a andar outra faceta do seu oficio de xornalista ao iniciar a colaboración desde o país para o Galician Programme da BBC que se emitía desde Londres co obxectivo de difundir a cultura galega. Del Riego non só facía guións, senón sumaba colaboradores que achegaban textos para seren lidos nas emisións radiais. 

Fundamental foi, ao desaparecer o programa e tamén o suplemento cultural que elaboraba en La Noche, a creación, xunto con Illa Couto, dunha sociedade para botar a andar unha revista de cultura galega que suporía o nacemento da Editorial Galaxia e, en primeiro lugar, dos cadernos da Colección Grial e logo da revista Grial que dirixiría xunto con Ramón Piñeiro de 1963 a 1988. 

Labor xornalístico, pois, de comunicación intensa coa galeguidade da emigración e o exilio e na promoción de publicacións culturais mais tamén na escrita de artigos de opinión en xornais xeneralistas como son o máis dun milleiro de textos que publica en Faro de Vigo entre 1949 e 2009 ou os que recolle na sección “De cotío” inserida no suplemento Culturas de La Voz de Galicia que lle valeron o Premio Roberto Blanco Torres de Xornalismo. 

Sobre 'Galicia Emigrante'

As entrevistas que agora recollemos apareceron publicadas na revista Galicia Emigrante, dirixida por Luís Seoane, amigo de Fernández del Riego desde tempos de estudante na Facultade de Dereito na Universidade de Santiago. 

A revista publicouse do 1 de xuño de 1954 até o 1 de maio de 1959 e Del Riego colabora nela desde o inicio. En total, foron trinta e sete números nos que, ademais do propio Seoane, verdadeiro inspirador da revista, polas súas páxinas pasaron algúns dos máis relevantes persoeiros, tanto residentes na Galiza como emigrantes e exiliados nunha ampla nómina na que se atopan o propio Francisco Fernández del Riego, Xosé Neira Vilas, Arturo Cuadrado, Ramón Piñeiro, Xosé Núñez Búa, Pura Vázquez, Ramón de Valenzuela, Ánxel Fole, Lorenzo Varela ou Eduardo Blanco Amor. Son algúns dos moitos outros nomes que aparecen na publicación e compoñen unha completa nómina do seu tempo, como lembra o propio Fernández del Riego no limiar da edición facsimilar no que destaca, de maneira singular, o papel central de Luís Seoane na publicación, a quen, como a el mesmo, identifica como un dos autores dos textos anónimos, ademais doutros asinados con pseudónimos.

A periodicidade da publicación foi mensual ou bimensual e, co mesmo nome, Seoane conducía un programa de radio que se emitiu desde o propio ano de nacemento da publicación até 1971. A modernidade da revista evidénciase non só no propio formato e nas ilustracións de Seoane, senón no tratamento dos xéneros xornalísticos, en especial, da entrevista, da que Fernández del Riego foi principal autor. Ademais de contidos claramente galegos, Galicia Emigrante defenderá e introducirá a nosa lingua nas súas páxinas, en distintas seccións e baixo a sinatura de destacados nomes da literatura e a cultura galega.

“Nota significativa da revista foi a súa dedicación absoluta á Galiza. Fomentou o amor á cultura galega, que marca o carácter peculiar do país. Estabeleceu unha achega desinteresada á divulgación desa cultura. Sostivo que Galiza tiña que reivindicar o seu idioma, e que todos debían axudar a este labor”, sinala Francisco Fernández del Riego destacando o papel na defensa da lingua no limiar da edición en facsímile da revista que publica Ediciós do Castro.

Como conseguir a publicación?

Froito da colaboración co Concello de Pontevedra, a publicación, que recolle as entrevistas transcritas para facilitar a lectura e mais a reprodución das páxinas orixinais de Galicia Emigrante, entregarase a alumnado de 4º da ESO e 2º de Bacharelato dos centros de ensino públicos da cidade. 

Ademais, as persoas subscritoras ao diario en papel que estean interesadas na publicación, poderán solicitala enviando un correo ao enderezo [email protected], cos seus datos. No caso da modalidade de subscrición dixital, a publicación estará dispoñíbel para a lectura na nube.

Máis en Reportaxes
Comentarios