'Matria' estréase esta sexta feira en todo o Estado na versión orixinal en galego

Cantones Cines da Coruña acolle esta quinta feira unha proxección especial aberta ao público.
María Vázquez nun fotograma do filme 'Matria' (Foto: captura de pantalla).
photo_camera María Vázquez nun fotograma do filme 'Matria' (Foto: captura de pantalla).

Matria, a primeira longametraxe de Álvaro Gago, chega esta sexta feira, 24 de marzo, a 60 cines de todo o Estado na súa  versión orixinal en galego.

Nun comunicado, sinalan que se converte "na maior estrea comercial dunha película en galego, superando precedentes como O que arde. Do total de pantallas, 27 son na Galiza, "o que supón o maior número de copias dun título galego en salas do país”. 

Cantones Cines da Coruña acollerá esta quinta feira, ás 20 horas, unha proxección especial aberta ao público que contará coa presenza do director e do elenco principal, encabezados por María Vázquez, que vén de gañar a Biznaga de Prata á mellor actriz no Festival de Málaga 2023. Matria tamén gañou o premio ASECAN á mellor primeira película deste festival. 

Tras a súa estrea no cine coruñés, o equipo tamén participará noutras proxeccións durante a primeira semana da súa estrea, con presentacións e coloquios co público nas propias salas. 

 

"O obxectivo é facer de Matria un grande acontecemento para a cultura galega que reúna nos cines a todo tipo de público, mesmo aos que non adoitan ir ás salas", sinala o produtor Daniel Froiz. 

Matria conta a historia de Ramona, unha muller que vive nun pobo da Galiza inmersa nun contexto laboral e persoal "tenso e imprevisíbel". "Sempre sacrificando todo polo futuro da súa filla Estrella, verase empurrada a mirar para dentro e pensar que quizais hai algo novo polo que vivir", explican. 

María Vázquez (O corpo aberto, Trote, Quen a ferro mata) interpreta a Ramona. Completan o elenco Soraya Luaces, Santi Prego, Eduardo R. Cunha 'Tatán', Susana Sampedro e Francisca Iglesias, protagonista da curtametraxe e da historia real na que se inspira o filme. 

Onde ver Matria

O filme de Álvaro Gago estará dispoñíbel a partir desta sexta feira nas seguintes salas de cinema do país:

Comarca de Ferrolterra

  • Duplex (Ferrol)
  • Odeon Multicines (Narón)

Comarca da Coruña

  • Yelmo Espacio Coruña (A Coruña)
  • Cinesa Marineda City (A Coruña)
  • Cantones Cines (A Coruña)

Comarca de Fisterra

  • Xunqueira (Cee)

Comarca de Compostela

  • Cines Compostela (Santiago de Compostela)
  • Cine As Cancelas (Santiago de Compostela)
  • Cines Numax (Santiago de Compostela)

Comarca de Lugo

  • Codex Cinema (Lugo)
  • Multicines Cristal (Lugo)
  • Yelmo As Termas (Lugo)

Comarca da Mariña

  • Cinelandia (Ribadeo)
  • Cines Viveiro (Viveiro)

Comarca de Ourense

  • Ponte Vella

Comarca da Limia

  • Cine Gesma (Xinzo de Limia)

Comarca de Caldas

  • Avenida (Caldas de Reis)

Comarca do Salnés

  • Gran Arousa Multicines (Vilagarcía)

Comarca de Pontevedra

  • Cinexpo

Comarca do Morrazo

  • Cines Seixo (Marín)

Comarca de Vigo

  • Multicines Norte (Vigo)
  • Yelmo Premium Vialia (Vigo)
  • Yelmo Vigo (Vigo)
  • Gran Vía Cines (Vigo)

 

Comentarios