O filme 'Matria' de Álvaro Gago emociona o público de Málaga

A primeira longametraxe do cineasta vigués é un retrato humano da precariedade.
O director de 'Matria', Álvaro Gago, no centro, este sábado en Málaga (Foto: Fernando Sánchez - Europa Press)
photo_camera O director de 'Matria', Álvaro Gago, no centro, este sábado en Málaga (Foto: Fernando Sánchez - Europa Press)

O director Álvaro Gago presentou este sábado o seu debut na longametraxe con Matria, no marco da programación do 26 Festival de Cinema de Málaga, no que compite na súa sección oficial tras estrearse no certame de Berlín. A cinta, que recibiu un intenso aplauso no pase de prensa no cinema Albéniz, é un drama humano e social sobre a precariedade laboral e emocional exaltado por un potente traballo interpretativo de María Vázquez.

Ela interpreta a Ramona, unha muller galega de 40 anos que enlaza empregos precarios mentres tenta soster o seu rol como nai dunha filla adolescente e empoderarse nunha relación de parella daniña.

O director da película, Álvaro Gago, presentou o filme xunto cos intérpretes María Vázquez, Santi Prego, Susana Sampedro, Francisca Iglesias, Soraya Luaces e o produtor Daniel Froiz. Gago asegurou que vir a Málaga é "vir un pouco a casa". "E, ademais, se nos recibides así...", chanceou, en referencia ao entusiasmo do público.

A inspiración de Matria, explicou, naceu da relación de coidados entre a mesma Francisca Iglesias e o avó do propio director. "A miña admiración foi crecendo día a día por unha muller á que case nunca se lle ve e que foi a miña heroína particular", defendeu Gago, que apostou por visibilizar ese labor de coidados.

"Síntome entusiasmada, quero que isto o vexan moitas mulleres e se vexan identificadas con esta historia, porque non nacín eu soa neste mundo con esta vida. É como cando unha crianza ten formigas no estómago e non sabe como explicalo, pois igual síntome eu. Non teño palabras", expresou Francisca Iglesias.

A actriz e inspiración para o personaxe principal indicou que a súa vida "segue igual" tras o filme e ten que seguir traballando: "A ver se isto lle dá forzas ás mulleres para seguir adiante e que os homes se pregunten que pasa aquí e se van seguir sempre así", cuestionouse.

Pola súa parte, María Vázquez agradeceu o tempo que tivo para preparar o traballo e a fe do realizador nela. "Aínda que poida parecer que eu non teña nada que ver con Francis, somos mulleres reais e obreiras, que sobrevivimos como podemos. Temos que traballar, conciliar tampouco existe, e encántame ver iso na pantalla", argumentou.

"Loitamos moito porque o personaxe non sexa perfecto e meta a pata, que poida non caer ben. Tamén me gusta ver personaxes de nai que se equivocan tanto, mais rectifican e piden perdón. Iso é a vida", relatou Vázquez, que se declarou "en constante emoción": "Trátase de construír unha Matria de verdade. En Matria, somos sensíbeis, xa abonda de mulleres superheroínas", defendeu.

En canto ao estilo, o director da cinta definiuse como "máis de rúa que de escritorio", afirmando que que necesita da experiencia á hora de construír a película. "Pódoche dicir moitos nomes de referencia, mais realmente a miña inspiración é a contorna na que eu traballaba. A quen miro é a elas", expuxo Álvaro Gago.

"Cando fago unha película, quero contar unha historia mais tamén capturar unha maneira de vivir. Dá pé á audiencia para coñecer unha maneira de entender a vida", reflexionou Gago, que asegurou que hai "moitas Galizas" e "velas representadas na pantalla" é unha das súas razóns para facer este filme.

O realizador destacou as diferenzas entre este traballo e a súa curtametraxe homónima de 2018, nomeada a Mellor curtametraxe de ficción nos Premios Goya. Desde a súa perspectiva, agora puido expandir as relacións da protagonista principal e mesmo deixarlle máis espazo ao seu sentido do humor.

"Quizais o proceso de construción de personaxes é dos máis complexos que podo ter. Escribín unha primeira versión de guión que foi unha vomitada e, aos poucos, fun traballando tamén o tomar distancia cos personaxes para humanizalos e retratalos en todas as súas artistas", detallou o realizador.

Comentarios