A viguesa María Vázquez faise co premio á mellor actriz no Festival de Cinema de Málaga

'Matria', do galego Álvaro Gago, xa fora presentada en Málaga o pasado 11 de marzo e estaba considerada entre as favoritas a facerse con varios galardóns.
María Vázquez nun fotograma do filme 'Matria' (Foto: captura de pantalla).
photo_camera María Vázquez nun fotograma do filme 'Matria' (Foto: captura de pantalla).

O xurado da Sección Oficial de Longametraxes da vixésimo sexta edición do Festival de Cinema de Málaga concedeu a ‘Biznaga de Ouro’ como Mellor Actriz á viguesa María Vázquez polo seu traballo na longametraxe Matria, do tamén natural de Vigo Álvaro Gago.

Así mesmo, o premio ao Mellor Filme foi para a cinta 20.000 especies de abejas, da directora Estíbaliz Urresola Solaguren, e a Biznaga de Ouro ao Mellor Filme Iberoamericano a Las hijas, de Kattia G. Zúñiga. Ambos os premios están dotados con 10.000 euros.

O audiovisual galego estivo presente no festival a través pezas audioviais como Sica, Amigos hasta la muerte, Honeymoon e Nun tempo de horta.

Matria xa fora presentada en Málaga o pasado 11 de marzo e estaba considerada entre as favoritas a facerse con varios galardóns.

A pesar de non conseguir o premio á mellor película, o xurado si que recoñeceu o papel de Vázquez, outorgándolle o premio á mellor actriz.

Ningún dos outros títulos galegos presentes en Málaga conseguiu ser galardoado.

O xurado

O xurado desta edición estaba composto polo director Manuel Gutiérrez Aragón, Gonzalo Miró, a directora do Festival de Cinema de Santiago de Chile Gabriela Sandoval, a actriz arxentina Julieta Zylberberg, e o director de cinema uruguaio Pablo Stoll.

Comentarios