domingo 17/01/21

O Culturgal desenvolve durante esta fin de semana a súa edición máis virtual

"En caso de emerxencia, cultura" reclama a feira desde Pontevedra
Culturgal 2020.
Culturgal 2020.

"Darlle volta á tortilla. Facer do defecto, virtude. Ou ao mal tempo, boa cara". Tal é a filosofía coa que o Culturgal 2020 enfronta desde hoxe a súa 13ª edición, co mesmo obxectivo que o caracteriza desde as orixes: mostrar ao gran público a actividade cultural da Galiza máis destacábel do presente ano e do que vén. Mais desta volta, en dixital.

Tres canles van retransmitir durante a fin de semana desde Pontevedra o que acontece no escenario (Escena, Foro, Libro) e fóra del, cun equipo de realización que suma 20 persoas. Agás a sala de cinema, toda a programación será accesíbel desde o lar de cadaquén a través da web.

Arrinca con 'Ons'

Hoxe, o lema "En caso de emerxencia, cultura" tomaba xa o Pazo da Cultura cun evento especial de apertura: a proxección da película Ons, de Alfonso Zarauza, antes da súa chegada ás salas comerciais, cun "miniconcerto" previo de Chicharrón, presente na banda sonora.

Durante mañá e pasado máis de 70 propostas culturais de música ao vivo, teatro, literatura, arte, ciencia e espectáculos para todos os públicos daranse cita na gran feira da nosa cultura.

Autoras e autores como Manuel Rivas, Ledicia Costas, Berta Dávila, Antón Patiño, Miguelanxo Prado, Alberto Vázquez, Kiko da Silva ou Suso de Toro participarán no espazo Libro, onde a xornalista Esther Estévez fará de condutora.

O Espazo Foro, localizado na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, acollerá diversas performances, poesía e artes escénicas, así como encontros que viran arredor da presenza da nosa lingua no ensino, na xustiza ou na televisión. Haberá mesmo ocasión de ver ópera e o breakdance.

Na quenda do Culturgal a Escena, estará presente desde o espírito punk até o ritmo de big band, sen esquecer un repaso polo jazz e os nomes máis coñecidos do folk, como Luar na Lubre ou Susana Seivane (que veñen de sacar disco), cos seus respectivos espectáculos. A actriz Diana Sieira será a encargada das presentacións.

Só presencial

No Espazo Cinema, alén de Ons como gran apertura, tamén se poderá gozar do documental Dorothé na Vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío; Arima, de Jaione Camborda; A illa das mentiras, de Paula Cons; Longa Noite, de Eloy Enciso e A media voz, de Heidi Hassan e Patricia Pérez. O filme histórico Pontevedra, cuna de Colón presentarase coa cor restaurada.

O Culturgal desenvolve durante esta fin de semana a súa edición máis virtual
comentarios