A banda publica 'Cancións Clínicas'

O ruído sanador de Chicharrón

Sobre as propiedades reparadoras da música debruzáronse pensadores e crítica en numerosas ocasións. A elas parece encomendarse Chicharrón no seu terceiro disco, Cancións Clínicas (Prenom, 2018), un tratado noise pop arredor da enfermidade, a sanación e a anguria.

foto-chicharron-1-2018-prenom
photo_camera Alberto Vecino, letrista e voz de Chicharrón. Foto: Prenom.

“Creo que este traballo supón un modo de se curar de certos problemas graves na vida de Alberto [Vecino, letrista e voz da banda]”, explica a Sermos Galiza Rubén Domínguez, produtor e teclista, “relacionados coa enfermidade da súa nai. De feito, escribiu a maioría das cancións en salas de espera ou en cuartos de hospital”. Hai, ademais, unha baseada no poema de Gonzalo Hermo No seu despregar. A partir dese material lírico, desesperanzado e con ángulos nihilistas, o propio Domínguez deseñou o son da obra, en que mandan filigranas de sintetizadores e guitarras soterradas.

“Xa todo é carnizaría en nós / xa somos os seguintes / nós os dóus”, canta Vecino en Que tempo fará?. “Eu percibo o disco desde o sentimental e o íntimo”, afirma Domínguez, preguntado por unha lectura política de Cancións Clínicas, “aínda que o comentario político sempre estivo aí. E é certo que a situación provoca certo desasosego que acaba por emerxer e pode intepretarse politicamente”. En cortes como O espanto (occidental), de xeito explícito: “A dignidade é unha pedra / nun escaparate / (...) / o común nun espazo de azar e resistencia”.

chicharrón - cancións clínicas (2018)

O método Chicharrón, antes sexteto e agora trío (ademais de Vecino e Domínguez, Mara Pérez ás voces) con base en Carballo, reconfigurouse neste terceiro traballo. Atrás fican o seu debut homónimo de 2014 e mais Postal (2016). Rubén Domínguez molda as cancións cos textos e “estruturas primarias de guitarra” fornecidos por Alberto Vecino. “Fixen a música a partir do que ía lendo”, di, “quixen que as guitarras tivesen menos protagonismo. Empreguei sintetizadores de cordas, cun punto dramático, cinematográfico”.

No seu libro de texto, de singular personalidade, detéctanse pagadas do tramo medio de The Cure, dos My Bloody Valentine máis etéreos ou dos escoceses Cocteau Twins. A reforma á que, nos oitenta, foi sometido o post punk determina a familia estética de Cancións Clínicas. “Son as miñas teimas e os sons cos que estou traballando en Pantis”, sinala. Este último é o proxecto individual de Rubén Domínguez, cuxo primeiro disco, Pranto (2016), investiga territorios electrónicos e zonas krautrock. En Nadal entrará a gravar a súa continuación.

Cancións Clínicas foi un fillo inagardado. Rexistrado no Estudo Terraforma, no Hío, da man de Ibán Pérez, “todo foi moi rápido”. “Non pensabamos que fose haber terceiro disco de Chicharrón, as nosas circunstancias persoais mudaran”, lembra, “mais en agosto, Alberto chamoume e díxome que precisaba sacar xa estes temas. Tres días despois comezamos a gravar”. E ergueron unha peza que, debido a esas mudanzas vitais mencionadas por Domínguez, espaciará as súas presentacións ao vivo.

Nota: cuberta de Cancións Clínicas, o terceiro disco de Chicharrón.

Comentarios