Alfonso Zarauza. No ronsel da verdade

O último filme de Alfonso Zarauza (Compostela, 1973) estréase na Galiza, logo da premiere no Festival de Sevilla esta semana, na clausura do Cineuropa en Santiago, o próximo domingo. O director recibe ademais o Premio de Honra nun festival no que se educou cinematograficamente. Coa consciencia de que as súas mellores obras están aínda "por chegar", presenta a potencia espida dunha película sen grandes atavíos, que consegue captar a autenticidade do íntimo. Ons é un chanzo máis nesa procura, cunha linguaxe que sabe da duración e venera o fóra de campo, da verdade. Ou algo que lle arremede, como só o mellor cinema pode. 
Imaxe da entrevista a Alfonso Zarauza no Sermos. (Foto: Lucía Estévez)
photo_camera Imaxe da entrevista a Alfonso Zarauza no Sermos. (Foto: Lucía Estévez)

O lugar, a illa de Ons, destaca desde o título como algo máis que un escenario. De onde xorde a idea de achegarse a ela e transformala case en protagonista? 
Na primeira versión de guión, ao arrincar coa idea do filme, buscaba un lugar afastado de todo dentro da Galiza, de difícil acceso. Fun desde Estaca de Bares [Mañón] até sitios illados de alta montaña... Pero ningún deses espazos me funcionaba. Até que un día se me ocorreu xustamente a idea da illa. Dentro das múltiplas do país, a que máis me cadraba era Ons. En canto din con ela, o guión medrou como un soufflé nun forno. Todo adquiriu sentido cando Ons entrou na historia, antes era máis feble, faltáballe a forza que ten agora. A aparición da illa foi crucial. Durante as oito seguintes versións do texto foi collendo forma e deulle todo o sentido ao filme.
 
Nótase que houbo un proceso de investigación do que significa habitar unha illa. Como foi?
Pois os procesos dun filme son tan longos que vai case para cinco ou seis anos que comezamos con isto. Ao longo dese tempo eu fun a Ons unha chea de veces, desde Semana Santa até o mes de outubro viaxaba igual tres ou catro veces. Así fun coñecendo a xente, entrevisteime cos fareiros, falei cos de Parques Nacionais... É fundamental coñecer o lugar, aínda que é unha historia ficcionada, pois ten moito pouso da realidade.

Nese traballo da illa como unha personaxe máis, a climatoloxía xogaba un papel fundamental. Como condicionou isto a rodaxe?
Foi bastante tolaría, mais para min resultou libertador. As gravacións audiovisuais adoitan estar moi cinguidas a unha especie de plan de produción, que é a maneira de que non se che disparen os orzamentos. En canto ao financiamento é moi necesario, pero no nivel creativo é castrador. Como eu era tamén produtor do filme, foi a primeira vez na miña vida que tiven a liberdade de rachar un pouco con isto. O que fixemos foi algo que se consideraría suicida: en máis de 30 días de rodaxe, só cumprimos o plan dous. Estabamos sempre mudando en función do clima, porque para nós era esencial. Rodamos en outubro-novembro para termos todos os elementos: verán, outono, chuvia, néboa, temporais... Pódense falsear con efectos especiais, pero ás veces son moi cutres e ter a verdadeira natureza outórgalle moita forza ao filme e á imaxe. 
As xefas e xefes de equipo confiaban moito en min, pero ao mesmo tempo tiñan dúbidas de se sairiamos ben parados, porque isto supón, por exemplo, non saber o día anterior as secuencias que se ían gravar, sen poder deixar as cousas preparadas. Foi moi duro climaticamente, unha rodaxe moi épica, pero tamén fermosa, porque o equipo estaba moi unido e cría no que estabamos facendo. Foi poderoso nese sentido e penso que iso se nota tamén no filme.

Interésame unha idea que formula a personaxe da fareira, que semella condensar unha das chaves do filme: "Para min a soidade é liberdade".
Claro, é unha das ideas esenciais. Había un diálogo que desapareceu, da propia fareira, que contaba que saíra da illa para estudar en Madrid e, malia estar rodeada de xente, nunca se sentira tan soa. En cambio en Ons está illada, pero asocia esa condición á de liberdade. O filme ten moito que ver con iso, coa idea de liberdade que che dá a soidade, aínda que sexa paradoxal, porque se trata dun sentimento que pode ser desasosegado.

Este diálogo mostra algo común na súa obra, a capacidade para deitar estas reflexións profundas desde a naturalidade da fala das personaxes, sen a grandilocuencia que ás veces acusan no cinema estas sentenzas. Como se traballa o guión nese senso? Ou que oco ten a  improvisación das intérpretes?
É un conxunto de cousas. Eu son moi meticuloso no guión, fago moitas versións. Comeceino con Jaione Camborda, a miña compañeira de escrita. Gústame moito empezar os filmes con ela. Estivemos case tres meses falando da idea, pero sen escribir nin a primeira palabra. Era ir ao esencial: que queriamos contar, como, que evitar... Así traballamos todos os días, moitas horas. Unha vez tivemos unha estrutura inicial, xa me puxen a escribir eu só. Pero ese traballo con ela foi fundamental, aí está a esencia. Jaione ten unha ollada moi poderosa, máis feminina, o que me interesa moito porque contrasta coa miña. A partir de aí pasei case dous anos facendo versións, pulindo os diálogos até que quedaron no esencial, moi "de verdade". Logo vén o traballo cos actores, que lle dá outra capa. Eu déixolles unha liberdade controlada, intento que fagan seus os diálogos, que os incorporen na súa organicidade e na súa fisicidade. É algo complexo e delicado, que leva moito tempo, como un labor de artesanía até que o consegues. Intento que se pareza á verdade porque para min é moi importante. 
A respecto disto, hai diferentes maneiras de falar dentro do propio idioma que aparecen tamén no filme. O galego das personaxes da illa é distinto das que veñen de fóra, máis urbanitas. Dúas delas son galegos de Barcelona e falan un galego culto, probabelmente aprendido máis na escola que na casa. Unha cousa que me horroriza das series é que todos falan un galego mentireiro, o que é normal pola función de promoción do estándar, que é necesario e valioso, pero a nivel estético... Non me creo nada cando sae un garda civil falando un galego normativo. Para min é moi importante o idioma e coidar a verdade. Por iso aparece tamén a diglosia, que me parece interesante resaltar e fágoo moito nos meus filmes, que de súpeto unha personaxe galegofalante se pase ao castelán, porque é algo que acontece. A estranxeira é a única coa que neste caso falan castelán, porque é algo moi noso, para ben ou para mal. Gústame que se pareza á realidade nese sentido, aínda que para min é fundamental que sexa un filme en galego, porque en caso contrario non sería un filme galego. Pero ese é outro cantar. 

É esa procura de realismo o que leva a rodar practicamente todas as escenas en plano-secuencia? Por que escolle esa linguaxe?
Esa foi unha decisión moi arriscada, que implicou toda unha serie de problemas na rodaxe e na montaxe, dos que eu era consciente. Isto é algo que me pasara pola cabeza facer en filmes anteriores, pero non sentía o dominio ou o control para levalo a cabo, pois tecnicamente é complicado. Porén, aquí si que me vin coa capacidade para facelo e creo que era importante para a linguaxe do filme. Para min, quer no guión quer na maneira de realizalo, é case máis importante o que non se di que o que se di, o que non se ve que o que se ve. Iso tamén forma parte da elección do plano-secuencia, no que nunca imos ver todo, senón unha parte, a que a min me interesa, pero vai quedar outra oculta que vai estar aí presente e dá tanta información como a que vemos. 
Foi complicado levalo todo a un plano-secuencia, porque significa que se non queda perfecto non tes oportunidade de amañalo logo na montaxe como se adoita facer. Aquí a escena ficaba tal e como era, tiñas que estar moi seguro do tempo interno, que pode facerse longo ou pesado, e logo non tes maneira de acurtalo. Para que todo resultara ben había que facelo dunha maneira moi meticulosa, moi limpa. Foi arriscado, pero finalmente estou moi contento co resultado. 

Préstache seguir lendo? Tes a oportunidade de facelo mercando Nós Diario e o semanario Sermos Galiza que atoparás nos quiosques, librarías e na nosa loxa online. Tamén podes axudarnos a seguir medrando e facendo este tipo de contido mediante a túa subscrición inmediata!

Comentarios