CRÍTICA DE CINEMA

Crítica de cinema: A illa das mentiras

illadasmentiras2

O 2 de xaneiro de 1921, o buque a vapor “Santa Isabel”, con máis de 200 pasaxeiras a bordo, encalla fronte á costa de illa de Sálvora por mor da mesta néboa. Antes de se afundir, tres mulleres da illa logran rescatar con vida 48 persoas remando de ouvido nunha gamela. É a historia do “Titanic galego” e das “tres heroínas de Sálvora”, unha historia real silenciada durante case cen anos e que, agora, Paula Cons (Compostela, 1976) recupera para a súa primeira longametraxe de ficción con guión escrito a catro mans con Luis Marías (nomeado a un Goya por Todo pola pasta).

Chama poderosamente a atención que a escena do rescate, a priori unha secuencia crucial, sexa tan anti-épica e carente de emoción. Frouxa, incluso. A priori pode parecer que hai falla de orzamento ou de inspiración, pero a medida que avanza a trama antóllase unha decisión meditada para transmitir precisamente o sentimento nada heroico que teñen as protagonistas.

Nerea Barros (A estación violenta), Victoria Teijeiro (Chapa e pintura) e Ana Oca (Néboa) interpretan estas tres mulleres que “fixeron o que tiñan que facer”: salvar o maior número de persoas posíbeis do naufraxio. Un periodista arxentino (Darío Grandinetti) cubre a noticia pero comeza sospeitar que algo raro acontece cando detecta certa hostilidade e apuro en todas as xentes da illa, como se tiveran excesiva présa para que pase pronto o balbordo mediático.

Ecos de John Sturges (Conspiración de silencio), na subtrama de pescudas de Grandinetti, e de David Lean (A filla de Ryan) na personaxe interpretada por un inmenso Milo Taboada –probablemente o mellor do reparto– no rol dunha sorte de sosias atormentado do parvo da vila que inmortalizou John Mills, e polo que gañou un Óscar. Tanto o trío protagonista (Barros, Teijeiro, Oca), como María Costas (a cuarta heroína) tamén alcanzan un altísimo nivel interpretativo. Varios Mestre Mateo albíscanse no horizonte.

Boas interpretacións, excelente ambientación de época e unha fotografía gris e nada preciosista que encaixa como unha luva no misterioso halo que envolve unha illa habitada por personaxes atormentadas que na vida pensarían ser consideradas heroínas polas autoridades competentes, as mesmas que subxugan a vontade dos seus habitantes con cacicadas.

E como colofón final a hora e media deste drama de intriga que vai de menos a máis e que logra recuperar a memoria dunhas mulleres esquecidas, a memoria dun pobo, chega a preciosa canción de Guadi Galego composta xunto os irmáns Pascual. Marabilla.

A illa das mentiras
(Galiza-Euskadi-Arxentina 2020, 93 min.)

Dirección: Paula Cons

Guión: Paula Cons e Luis Marías

Fotografía: Aitor Mantxola

Elenco: Nerea Barros, Victoria Teijeiro, Ana Oca, Darío Grandinetti, Milo Taboada, Aitor Luna, María Costas, Celso Bugallo, Machi Salgado, Leire Berrocal, Sergio Quintana, Javier Tolosa, Roberto Leal, Miguel Borines, Ana Santos, Mela Casal

Comentarios