A MICE estrea 'Dorothé na Vila'

Tras as pegadas de Dorothé, retrato dun mundo que esvaece

Unha textura sonora granulada enmarca o canto dunha recollida, mentres a paisaxe do Courel ocupa a pantalla. Con esta potencia arrinca 'Dorothé na Vila', un documental que Alejandro Gándara e Olaia Tubío estrean hoxe na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (Compostela). As realizadoras seguen o rastro da musicóloga Dorothé Schubarth no seu percorrido pola Galiza desde finais dos anos 70, nun periplo que as levou a descubrir as historias que se agochan tras o 'Cancioneiro Popular Galego'.

Victorina (informante do Vilar, Carnota) e María de Fetós
photo_camera Victorina (informante do Vilar, Carnota) e María de Fetós

A comezos de 2018 Alejandro Gándara e Olaia Tubío emprenderon unha viaxe moi particular, cámara en man, tras as pegadas de Dorothé Schubarth, a musicóloga suíza que elaborou, xunto a Antón Santamarina, a aínda considerada como biblia da lírica de tradición oral: o Cancioneiro Popular Galego.

Visitaron as súas informantes, co gallo de sacar á luz as súas historias. Como resultado deste periplo, o documental Dorothé na Vila estréase hoxe na Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, ao ar libre en Bonaval. As entradas esgotáronse moi axiña, mostra da expectación que a premisa desta obra está espertando.Manolo, Jovita, Concepción e Antonio, familia de Louzarela retratada por Dorothé Schubarth

Os momentos previos a esta primeira proxección estanse a facer un pouco "raros" para as autoras, logo de tanto tempo "traballando case en segredo", admite Gándara. "É expoñerse tamén, pois saímos nós na película", engade. "A min dáme bastante vergoña todo isto", confesa Tubío.

Entrar no discurso

Aínda que non fose o seu desexo, a propia aventura que viviron coa rodaxe levounos a ter que colocarse ante a cámara e facer das súas andanzas o fío que tece o discurso. A súa entrada na pantalla desencadeouna o rexeitamento inicial de Schubarth a saír no filme, o que as levaría a cuestionarse se tiña sentido seguir gravando. Mais vendo o resultado, semella que non só era pertinente, senón necesario. As anotacións do Cancioneiro e os mails da suíza suplen, entre outros materiais, esta ausencia.

A súa entrada na pantalla desencadeouna a negativa inicial de Schubarth a saír no filme

"Empatizo moito con Dorothé e coa súa negativa a colocarse ela mesma no centro, a nós pasábanos o mesmo", revela Tubío. A súa comparecencia nas voces narradoras (con relevancia do apego á fala) e na interacción coas informantes xurdiu como a continxencia que mutou en virtude para darlle continuidade e sentido ao relato, disperso e espallado no tempo.

E é se cadra no ronsel desa "estética do laboratorio" -que diría Reinaldo Ladagga-, tan recorrida na desconfianza do documental contemporáneo, onde se entende que a súa propia procura é tamén unha maneira de transmisión desa oralidade efémera que esvaece, un acicate para evitar a perda do universo que pretenden retratar e do que Schubarth foi arqueóloga.Alejandro Gándara e Olaia Tubío, narradoras do documental

A naturalidade

O discurso fílmico deixa transcender no comezo certa inseguridade, que traslada á estrutura esa incapacidade vulnerábel de levar a cabo o roteiro trazado. Mais cara á metade, tamén coa entrada de Rubén Gazalla, o director de fotografía -aínda que os roles foron "máis ben asemblearios"-, no proxecto, apréciase unha toma de control sobre a propia narrativa, que asume xa a presenza das autoras.

"Estar na cámara impedíame tomar un papel máis participativo coas persoas", valora Tubío. A partir de aí as gravacións transcorrerían de maneira máis natural. Así, as imaxes desprenden unha familiaridade que denota claramente o traballo previo coas informantes para construír a confianza, tanto como o privilexio do real fronte ao dominio perfecto dos parámetros de gravación.

Conseguir isto foi tamén unha aprendizaxe. Tubío pon de exemplo como a prolongada preparación do dispositivo para a filmación fixo que unha das testemuñas "se cortase". Logo gravárona de maneira máis informal, en movemento, e desapareceu a impostura. "Preferimos ficar con ese material máis imperfecto, pero que daba conta da persoa", explica Tubío.

Preferimos ficar con ese material máis imperfecto, pero que daba conta da persoa", explica Tubío

Por outra banda, o feito de levar fotos ou gravacións feitas no seu momento por Schubarth e a interacción das participantes con estes obxectos "pode axudar a esquecer que hai unha cámara", segundo reflexiona Gándara. Neste senso, aínda que Gándara e Tubío xa traballaran temas vencellados nun proxecto anterior, Punto e Volta, a forma de gravar neste caso era moi diferente, pois non preguntaban por temas concretos, senón que pretendían "deixar que fluíse".Lucía, neta de Manolo de Louzarela escoitando a seu avó cantar

Dorothé na Vila acumula no anecdotario escenas curiosas e emotivas. Unha das máis intensas foi ver como Vitorina, que non estaba moi ben de saúde, "nada máis pórse a cantar volve á vida, foi incríbel", lembra Gándara. Tubío menciona a única visita na que as acompañou Dorothé, mais na que ela ficou fascinada con Marina: "tan botada para adiante e tan alegre, pero ao tempo di que chora se canta. Impresionoume moito".

Fin da transmisión oral

As faces das informantes de Schubarth retratan un mundo que desapareceu. "A tradición oral, que é o que ía buscando Dorothé, esa transmisión nuns ambientes determinados, cortouse", afirma Gándara. "Agora estamos nun momento de transición, ao que veña agora haberá que pórlle nome dentro de 'x' tempo", acrecenta.

"A tradición oral, que é o que ía buscando Dorothé, esa transmisión nuns ambientes determinados, cortouse", afirma Gándara

"A música tradicional continúa transmitíndose noutros sitios, doutras formas, mais xa é algo distinto", di Tubío. O seu compañeiro asente: "Non ten moito que ver unha aula de pandeireta (non digo que sexa nin mellor nin peor), na que aprendes unhas pezas de memoria, co que se facía antes".

Ese aprender en comunidade no que a música enchoupaba todos os eidos da vida cotiá, tamén o traballo, cun compoñente improvisado fundamental, mentres agora a súa función se cingue máis ao lecer. "Creo que non hai que enganarse: o que había xa non está, pero o que temos é moi bonito, independentemente diso", conclúe Gándara.

Dorothé na Vila reveloulles en parte esta perspectiva. Tubío conta algunha discusión co seu tío, gaiteiro, sobre como a música tradicional segue viva no rexurdir que tiveron, especialmente nos últimos anos, foliadas e seráns. "Iso é outra cousa distinta", insistía o home. Despois de facer o documental, Tubío daríalle a razón.

Así, apúntase no filme que Schubarth chegou "xusto a tempo" para fixar aquel patrimonio. "A xente que sae no documental coñeceu un mundo do que xa queda moi pouco, nós chegamos polos pelos para tocar de lonxe esa realidade", di a directora.

E neste senso, fica do seu traballo "moito material co que aínda non sabemos que facer". Mais axiña rectifica: teñen bastante claro que o doarán ao APOI [Arquivo do Patrimonio Oral Inmaterial], seguindo o exemplo da propia Schubarth, que sempre insistiu en deixar o seu legado en aberto. Porque como ben entendía, non era seu, senón do pobo.

Comentarios