sábado 11.07.2020
O filme de Eloy Enciso e a literatura do exilio

As fontes literarias de 'Longa noite'

Anxo regresa á súa vila no interior da Galiza. Pasou a Guerra Civil e  polo que se intúe, é un vencido. Debe entregar unha carta. A súa viaxe á longa noite de pedra franquista transcorre entre aparicións e sombras, entre a procesión de derrotadas e a constatación de que a nova orde tamén se impón dentro das persoas. Austero, radical, dunha beleza estática e terríbel, o segundo filme de Eloy Enciso (Meira, 1975) titúlase xustamente Longa noite (2019). O seu guión está construído a partir da literatura do exilio. Nós Diario repasa as fontes da súa arquitectura.
Fotograma de 'Longa noite' en que aparece Carlos Meixide. maxe: Numax Distribución.
Fotograma de 'Longa noite' en que aparece Carlos Meixide. maxe: Numax Distribución.

Máis alá do propio nome, extraído do poema -e libro- que Celso Emilio Ferreiro publicou en 1962 e que acabou convertido nun dos máis influíntes da poesía galega, o cineasta mergullouse nos autores do bando demócrata. Sete dos 11 que compoñen o roteiro son galegos. Os personaxes de Longa noite falan así por boca dos escritores, a quen deben os diálogos. Este cinema integra a literatura pero a anos luz do concepto de adaptación: intégraa como a propia materia do filmado. É talvez este o punto en que o filme de Eloy Enciso máis se aproxima cun dos seus referentes  expresos, a parella de directores franceses Jean-Marie Straub e Danièle Huillet.

cartaz longa noiteLonga noite comeza con palabras de Luís Seoane (Bos Aires, 1910-A Coruña, 1979), concretamente da súa fundamental obra de teatro de 1956, A soldadeira. Trátase dun drama histórico e popular que, ao modo brechtián, serve para debater problemas do presente. Despois, é Jenaro Marinhas del Valle (A Coruña, 1908-1999) o que adquire protagonismo no texto da película. Del Valle, un dos fundadores das Mocidades Galeguistas no tempo da República, xa constituíu o esquelete do anterior traballo de Enciso, o criticamente aclamado Arraianos (2012). Desta volta son dúas pezas teatrais, Exiliados (1986) e O peregrino (1972) as usadas.

Outro desterrado foi Ramón de Valenzuela (Silleda, 1914-Sanxenxo, 1980), militante do Partido Galeguista e máis tarde, xa no exilio, do Partido Comunista. Eloy Enciso emprega o seu teatro -As bágoas do demo (1964)- e as súas imprescindíbeis entregas autobiográficas, o relato de como pasou da bando nacional, que o mobilizara á forza, ao republicano: Non agardei por ninguén (1957) e Era tempo de apandar (1980).

Os contemporáneos

Non só da literatura da longa noite bebe Enciso. Escritores contemporáneos axudan ao relato. É o caso de Manuel Rivas (A Coruña, 1957) e unha das súas escasas incursións no teatro, O héroe (2005). Ou de Carlos G. Reigosa (A Pastoriza, 1948) e a súa novela Intramundi (2002).  Dous dramaturgos de entre os máis salientábeis das últimas décadas completan a nómina galega do guión de Longa noite, Euloxio R. Ruibal (Ordes, 1945) e Roberto Vidal Bolaño (Compostela, 1950-2002). Do primeiro inclúe A sombra do bon cabaleiro (1977) e do segundo, Ladaíñas pola morte do Meco (1977).

Alén da Galiza

Fóra da literatura galega, o cineasta de Meira valeuse de Guillermo Tell tiene los ojos tristes (1955), drama histórico de Alfonso Sastre (Madrid, 1926), intelectual comprometido, dramaturgo central da literatura española, comunista e próximo á esquerda abertzale. Un dos escritores exiliados por excelencia das letras españolas, Max Aub (París, 1903-México, D.F., 1972), tamén aparece con tres obras teatrais: San Juan (1943), El rapto de Europa (1946) e No (1952). Aquello sucedió así (1983) son as memorias de prisión da farmacéutica Ángeles Malonda (Gandía, Valencia, 1902-1986).

Los republicanos que no se exiliaron (1969), ensaio histórico de José María Aroca Sardagna, e Los pichiciegos, a impactante parábola en forma de novela sobre a Guerra das Malvinas de Fogwill (Bos Aires, 1941-2010), son finalmente os textos que exceden a literatura do exilio republicano de entre os que conforman o guión do filme de Enciso.

Longa noite -protagonizada por actores e actrices non profesionais como Misha Bies Gola ou Nuria Lestegás- estrearase en salas comerciais do Estado o 5 de decembro. Xa pasou polo Festival de Locarno, onde obtivo o premio á Mellor Dirección concedido pola crítica especializada. Estivo despois nos certames de Nova York (Estados Unidos) e Toronto (Canadá). A première no Estado español foi na sección oficial do Festival de Sevilla. Na Galiza a primeira proxección será o vindeiro 23 de novembro na mostra Cineuropa de Santiago de Compostela.

Nota: cartaz de Longa noite.

comentarios