mércores 25/11/20
En Pontevedra do 27 até o 29 de novembro

Culturgal 2020 reinvéntase para manter as súas actividades en liña

Na xornada de hoxe presentouse, no Pazo da Cultura de Pontevedra, a edición 2020 do Culturgal, que decorrerá do 27 ao 29 de novembro.
Desde a esquerda, Xosé Aldea, Jacobo Sutil, Carmela Silva, Carme Fouces e Víctor López. (Foto: Nós Diario)
Desde a esquerda, Xosé Aldea, Jacobo Sutil, Carmela Silva, Carme Fouces e Víctor López. (Foto: Nós Diario)

O Pazo da Cultura de Pontevedra acolleu a presentación da edición 2020 do Culturgal, que decorrerá do 27 ao 29 de novembro cunha filosofía que procura, din desde a organización, “demostrarlle ao gran público da Galiza a actividade cultural máis destacábel do presente ano e do que vén”. 

Así o comentaron na presentación que tivo lugar no pazo e na que participaron Víctor López e Xosé Aldea, presidente e director do Culturgal; xunto a Jacobo Sutil, que dirixe a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), Carme Fouces, concelleira de Cultura de Pontevedra, e Carmela Silva, presidenta da Deputación.

Para o director da Agadic, o Culturgal tiña que celebrarse “si ou si", porque, en palabras de Sutil, "é un punto de inflexión para a cultura”. Pola súa banda a concelleira de Cultura quixo subliñar a teima da organización "por celebrar esta edición malia as dificultades".

“É bo saber que non hai pandemia que poida co Culturgal”, sentenciou Fouces. E a presidenta da Deputación de Pontevedra quixo pór o punto optimista ao pedir que "non esquezamos que a xente está triste, o Culturgal tamén debe ter como obxectivo facernos felices”.

Un sábado e un domingo de música, libros e cinema

Na xornada dos días 28 e 29 de novembro, máis de 70 propostas culturais de música ao vivo, teatro, literatura, arte, ciencia e espectáculos para toda a familia ocuparán o Pazo da Cultura e mais o teatro pontevedrés. 

Retransmitirase o que acontece nos espazos Escenario, Foro e Libro a través de cadansúa canle. Vai ser o caso do Espazo Foro e do Espazo Escena (no Pazo da Cultura) e do Espazo Libro (no Teatro Principal da cidade). O obxectivo é “chegar ás casas durante a última fin de semana de novembro, como cada ano".

Manuel Rivas, Ledicia Costas, Berta Dávila, Antón Patiño, Miguelanxo Prado, Alberto Vázquez, Kiko da Silva, Suso de Toro e outros autores e autoras participarán no espazo Libro, onde a xornalista Esther Estévez, presentadora do “Dígocho eu” da TVG, será a condutora do encontro.

Desde a Sala de Exposicións do Pazo da Cultura, o Espazo Foro acolle performances, poesía e artes escénicas, así como encontros ao redor do galego no ensino, na xustiza ou na televisión. Incluso haberá tempo para a ópera e o breakdance.

O Foro do Culturgal 2020 converterase nun espazo de representación, reflexión e encontros ao redor da creación artística e dos xeitos de traballar e incidir na cultura galega que vén, nun contexto marcado pola Covid-19.

Mónica Mura, do Centro Dramático Galego (CDG), o produtor Antón Reixa, as poetas e performers Aldaolado ou a xornalista Ana Romaní, entre outras moitas, participarán nunha palestra conducida pola actriz Iria Sobrado.

Na quenda do Culturgal a Escena, estará presente desde o espírito punk até o ritmo de big band pasando polo jazz e os nomes máis coñecidos do folk como Luar na Lubre ou Susana Seivane, cos seus respectivos espectáculos, sen esquecer as actividades para a cativada. A actriz Diana Sieira será a encargada das presentacións.

Toda a programación será accesíbel desde cultur.gal, agás o Espazo Cinema, no que se poderá participar presencialmente, tendo en conta a redución de capacidade das sala e previa solicitude na web, habilitada desde onte mesmo.

Culturgal 2020 reinvéntase para manter as súas actividades en liña
comentarios