A 'Crónica troiana' centrará as IV Xornadas Irmandinhas de Betanzos

As xornadas celebraranse entre o 10 e 16 de xuño na súa primeira fase aínda que hai previsto algún acto de posta en valor da obra durante a celebración da XXV Feira Medieval de Betanzos.
Sepulcro de Peres de Andrade, que patrocinou a tradución da obra. (Foto: Alexandre Vigo)
photo_camera Sepulcro de Peres de Andrade, que patrocinou a tradución da obra. (Foto: Alexandre Vigo)

A Asociación Lar de Unta de Betanzos ten previsto dedicar as IV Xornadas Irmandinhas que celebra cada ano antes da Feira Medieval á obra Crónica Troiana, obra en galego de Fernán Martís, clérigo e capelán de Fernán Pérez de Andrade, que foi quen ordenou a súa feitura.

As xornadas celebraranse entre o 10 e 16 de xuño na súa primeira fase aínda que hai previsto algún acto de posta en valor da obra durante a celebración da XXV Feira Medieval de Betanzos. Desde a asociación consideran que actividades deste tipo son as que "converterán á Feira Medieval en algo único e promoverán a súa viabilidade a longo prazo".

 

Conferencias e roteiro

O día 11 de xuño, o catedrático de literatura galego-portuguesa da Universidade de Vigo e especialista en literatura galega medieval e contemporánea Xosé Ramón Pena pronunciará a conferencia "A Crónica troiana e a prosa medieval galega".

O 14 de xuño, Xulio Pardo disertará sobre "A Crónica troiana no solpor da literatura galega medieval". Pardo é profesor de lingua e literatura na Universidade da Coruña e historiador, ademais de un dos escritores mais prolíficos da literatura galega, con ducias de ensaios, novelas e poesía publicados. É doutor por catro universidades incluíndo unha portuguesa.

Finalmente, o domingo 16 levarase a cabo un roteiro polo Betanzos de Ferrán Martís.

Recentemente, o BNG conseguiu que fose aprobada no Congreso dos Deputados unha iniciativa que insta ao Goberno central á cesión do manuscrito a unha institución cultural galega e a que se realice unha campaña de promoción e difusión "que permita un coñecemento más amplo da obra", no marco do 650º aniversario da mesma.

 

Comentarios