O BNG logra un acordo no Congreso para a cesión da “Crónica Troiana” á Galiza

O acordo recolle a cesión temporal e abre a posibilidade de que o manuscrito quede en depósito permanente nunha institución cultural pública con sede na Galiza.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, hoxe, en rolda de prensa. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)

No marco do 650º aniversario da obra literaria Crónica Troiana, o Bloque Nacionalista Galego conseguiu que sexa aprobada na Cámara Baixa unha iniciativa que insta o Goberno estatal á cesión do manuscrito a unha institución cultural galega e a que se realice unha campaña de promoción e difusión “que permita un coñecemento más amplo da obra”. Así mesmo, ábrese a porta a que, con independencia da titularidade do manuscrito, a obra quede en depósito permanente nunha institución cultural pública con sede na Galiza.

A iniciativa contou co apoio maioritario da Comisión de Cultura do Congreso estatal, agás o voto en contra da ultradereita de Vox, após a elaboración dunha emenda transaccional. Neste sentido, o deputado do BNG, Néstor Rego, adiantou que este “é o primeiro paso” e que a organización nacionalista “seguirá traballando para conseguir a devolución ao pobo galego con carácter permanente”.

“Este códice é esencial para a literatura galega cun valor simbólico enorme. Trátase dun dos manuscritos en prosa máis extensos da literatura galega medieval, que son a proba viva da historia e da cultura galegas, da importancia e peso que o galego tivo na Idade Media como idioma propio dun dos Reinos con máis peso da época medieval: o Reino da Galiza” subliñou Rego.

O deputado do BNG salientou que ningún dos grandes códices que recollen a extraordinaria literatura galega, quer lírica, quer en prosa, se achan na Galiza. Deste modo, dixo, están espallados por diferentes lugares (Madrid, Roma/Vaticano, Nova York, Berkeley...). Por este motivo, Rego defendeu a importancia simbólica de que as que se encontran en institucións do Estado español poidan estar na Galiza.

“Hoxe a tecnoloxía permite a dixitalización e, por tanto, a consulta en liña de calquera obra. Con efecto, o traslado ao noso País da Crónica troiana non afecta a accesibilidade á versión dixitalizada, mais é innegábel que do punto de vista simbólico, isto é importantísimo para a cultura galega”, explicou o deputado.

Abre a porta a que a obra se sitúe de forma permanente na Galiza

O BNG, que reclamou a devolución do manuscrito que actualmente se encontra na Biblioteca Nacional en Madrid, conseguiu que o Congreso estatal inste o Goberno español a que se abra a estudar “a cesión permanente do manuscrito a unha institución cultural pública con sede na Galiza”.

Comentarios