Xosé Ramón Pena: "O escritor non debe depender demasiado do público lector"

É un dos grandes historiadores da nosa literatura, mais tamén un narrador minucioso con varios títulos no seu haber. Xosé Ramón Pena presenta agora un volume de relatos, En tempo de desconto (Galaxia), no que se mergulla na sociedade do final do franquismo. Historias que iluminan unha parte fundamental do noso pasado.recente.
Xosé Ramón Pena, estudoso da literatura galega e narrador. (Foto: Santos-Díez)
photo_camera Xosé Ramón Pena, estudoso da literatura galega e narrador. (Foto: Santos-Díez)

Catro relatos, catro historias que se desenvolven entre o final do franquismo e o inicio da democracia abondan para mostrar perfís dunha sociedade que non por ser antigos, deixan de ter efectos na nosa actualidade. Os catro contos recollidos en En tempo de desconto, de Xosé Ramón Pena, retratan un mundo que, apelando a outro título do autor, poderiamos alcumar de paraíso triste

“En realidade, as historias son moi diferentes", explica Pena en conversa con Nós Diario, "mais á hora de buscarlle un título ao volume decateime de que todas falaban de personaxes que estaban nun momento en que as súas vidas podían decantarse cara a un lado ou cara a outro. E vendo un partido de fútbol atopei esa expresión ‘en tempo de desconto’, que indica eses momentos álxidos que poden separar o fracaso da gloria. E dalgunha maneira, aos personaxes destes contos sucédelles xustamente iso”. 

Os contos de En tempo de desconto logran manter a intensidade do relato ao tempo que desenvolven a trama e os personaxes case á maneira da novela curta. Unha síntese que, porén, Pena afirma ter atopado dunha forma moi natural. 

“Escribo sempre cun guión previo, non son deses escritores que din que se poñen fronte ao papel en branco e van desenvolvendo unha idea. Teño que saber onde vou e contar cun esqueleto que me diga cales son os pasos principais que teño que ir cubrindo. Mais a medida que vou escribindo, as personaxes van medrando por elas mesmas, van aparecendo outras, unhas adquiren maior dimensión que outras... Entón a lonxitude do relato vai dándoa o propio proceso de escrita”.

Os relatos teñen tamén unhas estruturas diferentes, desde un clasicismo bastante ortodoxo até un fragmentarismo case “posmoderno” que lle dá variedade ao libro sen que perda ese sentido de unidade que se pode albiscar tras as catro historias. “O punto de vista, para min, é básico. Antes de poñerme a escribir teño que saber que mirada vai ser a que guíe a historia, quen conta o sucedido. E iso, por suposto, determina o estilo. Forma parte fundamental dese guión previo do que parto”.  

A cultura de barrio 

Os catro relatos están unidos tamén por unha querenza por unha cultura popular que non sempre aparece na novela galega: os concursos de canción lixeira, a tauromaquia, a televisión... Son elementos que aparecen de forma discreta mais que debuxan un ambiente no que se percibe claramente a sombra da ditadura. 

“Non creo que a miña biografía teña interese, nin que sexa necesario coñecela para entender o libro. Mais supoño que iso débese a que eu son fillo de ferroviario de Betanzos, dun obreiro industrial que formaba parte do proletariado concienciado, vinculado á esquerda. E ese era un grupo social que na Galiza da miña infancia non era moi amplo. Cando aínda era un neno, a miña familia trasladouse á Coruña, a un barrio -daquela de nova creación- de cuxo crecemento fun testemuña. Eran barrios habitados por persoas que procedían do rural ou de contornas semiurbanas que foron atopando traballos na construción ou na pouca industria que había, e que foron prosperando ao tempo que eses barrios ían modernizándose. E esa cultura popular da que falas era, en realidade, a cultura de barrio, a que absorbiamos naquel ambiente. Logo, naturalmente, funa substituíndo pola cultura académica que recibín na universidade, pero ese pouso queda aí, coñézoo ben. E claro, de aí xorde esa síntese”. 

Na universidade, os fillos de obreiros eran minoría, case todos os compañeiros de Pena procedían do rural. Por iso as historias que se contan aquí forman parte, dunha educación sentimental pouco habitual entre os escritores da súa xeración. 

“Unha cousa que lle pasou sempre a literatura galega é o que Saramago dicía da portuguesa: que os escritores, como os militares, sempre levaban a patria sobre as costas. Dalgunha forma, a literatura galega adquire ese compromiso simbólico e redentor de construír unha cultura normalizada, e entón séntese na necesidade de chegar ao público como sexa. Búscanse entón temáticas que poidan interesar ao público lector. Mais o problema é quen é ese público: é evidente que unha gran parte é infantil e xuvenil. E daquela xorde a obsesión por formar un público lector, de enganchar á mocidade á literatura escrita en galego. Iso condiciona a temática e por esa razón xorde tanta literatura detectivesca ou de intervención, a que trata de educar na diversidade, por exemplo. Iso está moi ben, pero deixa de man outras realidades -e outras fantasías- que tamén forman parte da nosa sociedade”. 

Un exemplo pode ser o relato “Triunfador na feira”, no que se trata o mundo da tauromaquia. “Efectivamente, a tauromaquia é algo alleo á sensibilidade da sociedade galega, mais iso non quita que os touros tivesen -na época da mocidade do personaxe, cando El Cordobés era unha figura moi célebre- unha grande repercusión. Significa iso que a Galiza sexa taurina? Non, en absoluto, mais si que houbo un tempo no que os touros foron un fenómeno social e que hai historias vinculadas a ese mundo e a ese tempo. Un autor non debe depender tanto do público lector, se non, cae na tentación de aclimatarse aos seus gustos sen esixirlle nada a cambio. E eu creo que ao público hai que esixirlle”. 

Unha moral que non se note demasiado

Os catro relatos de En tempo de desconto están unidos por esa descrición dunha atmosfera que caracteriza a sociedade galega de hai poucas décadas, mais os argumentos e os personaxes son os verdadeiros protagonistas. "Transmitir unha determinada ética no relato é lícito, mais sabendo que non debe ocupar o primeiro plano, se non, deixa de ser literatura para transformarse noutra cousa". 

Así, quen se enfronte á lectura deste novo volume de Pena detectará axiña a empatía que desprende cara á humanidade dos seus protagonistas -nas 
súas mellores e peores versións- xa sexa a dun particular afeccionado aos touros ou a dun cantante en declive que foi "o máis directo competidor de Andrés do Barro".

 

Comentarios