Literatura

Nace un portal web para divulgar conexións entre autores da lírica galego-portuguesa

A investigadora da USC Déborah González dirixiu o proxecto web que establece a relación entre trobadores e xograres.
005
photo_camera Ilustración de Tania Martins.

A doutora Déborah González, investigadora do Grupo de Investigación de Románicas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) --grupo de referencia internacional para os estudos vinculados co patrimonio literario e cultural da Idade Media--, dirixiu a creación dun portal web centrado nas redes socioculturais da lírica galego-portuguesa ('https://redesliricas.usc.gal/').

Neste portal ofrécese información literaria, histórica e biográfica sobre os trobadores e xograres, coa posibilidade de visualizar graficamente as conexións entre eles. A finalidade é mostrar as relacións socioculturais e literarias que se establecían na época, o que contribúe a ampliar o coñecemento sobre os autores e as circunstancias de creación e recepción das súas 'cantigas'.

O resultado tamén permite ilustrar a vitalidade das cortes literarias onde se propiciaron as cantigas trobadorescas, proporcionando ademais unha ferramenta moi útil para o campo da investigación. Este portal deriva dun proxecto concedido pola Xunta da Galiza e dedicado esencialmente ás 'tenzóns' e aos seus autores.

"A tenzón é un tipo de cantiga dialogada entre dous autores. Eran cancións que servían como diversión e entretemento nas cortes medievais, polo que, entre as que se conservan, atopamos diálogos xocosos e debates con finalidade claramente lúdica; os diálogos de asunto amoroso son menos frecuentes, aínda que existen exemplos significativos", explicou Déborah González.

"En xeral, son pezas líricas moi valiosas desde múltiples puntos de vista; entre outros motivos porque, ao ser diálogos, permítennos coñecer contactos entre compositores distintos de maneira fiábel, máis aló de favorecer a súa localización nunhas coordenadas cronolóxicas e xeográficas comúns. Estas cancións tamén son relevantes para comprobar quen debate con quen, sobre que temas e en que circunstancias", agregou. Ademais, a investigadora está a avanzar nunha edición crítica anotada destes textos.

Redes representadas graficamente

Nun comunicado, destácase que o aspecto máis novo desta iniciativa é que as redes están representadas graficamente. Os usuarios poden navegar a través dos nomes dos trobadores e xograres de maneira cómoda e dinámica. Así, pode consultarse unha representación xeral da rede social e, no seu interior, seleccionar un trobador ou xograr determinado para ter información máis concreta.

Neste sentido, pode consultarse a rede social dun autor e ter acceso aberto a datos completos de tipo histórico, biográfico e literario. A maior parte ten unha orixe galega ou portuguesa, aínda que tamén participaron autores casteláns e, máis ocasionalmente, doutras procedencias.

Comentarios