O Congreso aproba a Lei de Ensinanzas Artísticas Superiores

O texto da nova norma foi modificado para incluír o dereito de folga das e dos estudantes tras aprobarse unha emenda rexistrada polo grupo de Esquerra Republicana co apoio de todos os grupos excepto o PP, Vox e UPN, que a rexeitaron
Pilar Alegría, ministra de Educación
photo_camera Pilar Alegría, ministra de Educación

O Congreso dos Deputados vén de aprobar a Lei que regula as Ensinanzas Artísticas Superiores e estabelece a organización e equivalencias das Ensinanzas Artísticas profesionais -con 175 votos a favor, 139 abstencións e 32 en contra- co voto a favor do Partido Socialista e Sumar, entre outros, a abstención do Partido Popular, do BNG e UPN e o voto en contra de Vox.

A ministra de Educación, Formación Profesional e Deportes, Pilar Alegría, destacou que esta lei, que agora comezará a tramitarse no Senado para a súa aprobación definitiva, "é unha lei demandada desde hai moito tempo que xerou moitas expectativas e moita participación".

A lei, que afectará 140.000 estudantes e 14.000 docentes, prevé a creación de novas ensinanzas como Estudos Audiovisuais e o estudantado de Ensinanzas Artísticas Superiores será recoñecido agora como universitario á hora de recibir unha bolsa.

A norma sufriu modificacións na súa tramitación no Congreso dos Deputados, incorporando máis da metade das perto de 350 emendas rexistradas polos grupos parlamentarios, entre as que destaca a incorporación da Escritura Creativa, a creación de novas ensinanzas como o Circo, ou o recoñecemento do dereito á folga do estudantado.

En concreto, o texto da nova norma foi modificado para incluír o dereito de folga das e dos estudantes tras aprobarse unha emenda rexistrada polo grupo de Esquerra Republicana co apoio de todos os grupos excepto o PP, Vox e UPN, que a rexeitaron. Os grupos parlamentarios tamén acordaron incluír na lei a creación dun Estatuto Básico do Alumnado de Ensinanzas Artísticas Superiores. Tras a entrada en vigor da lei, o Goberno deberá aprobar un Estatuto do Estudante de Ensinanzas Artísticas Superiores, que será de aplicación nos centros públicos e privados do Estado.

 

Abstención do BNG

O Bloque Nacionalista Galego optou pola abstención ao considerar que o texto final mellorou a respecto da primeira proposta, grazas ás emendas aceptadas no debate parlamentario, mais que a "gran maioría do profesorado galego de Ensinanzas Artísticas optaría por maiores avances", en palabras do deputado nacionalista Néstor Rego. Así, o BNG cre que a lei non respecta o marco competencial da Galiza, que non afonda no carácter pluricultural e plurilingüístico do Estado e que non mantén a simutaneidade da oferta educativa, un elemento que pode desfavorecer o alumnado dun territorio, o galego, caracterizado pola súa dispersión poboacional. 

 

Comentarios