Contracultura

Ricardo Solveira: "O alumnado está traballando un texto que será estreado en galego, francés e portugués"

Ricardo Solveira, vicedirector da Escola Superior de Arte Dramática da Galiza (ESAD), aborda a experiencia do Proxecto Nós-Nous, un programa internacional que pon en común o territorio escénico da Galiza, Portugal e Francia.
Ricardo Solveira diante do teatro de Lyon. (Foto: Vanesa Martínez Sotelo)
photo_camera Ricardo Solveira diante do teatro de Lyon. (Foto: Vanesa Martínez Sotelo)

—Francia foi o país anfitrión do encontro deste ano. Como foi a experiencia en Lyon?
O proxecto comezou dentro do Programa Erasmus e integraba Portugal e Galiza. Estaban presentes a ESAD da Galiza e o Salón Teatro do Centro Dramático Galego así como a Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo do Porto (Esmae) e o Teatro San João. Antes da pandemia, tamén se ampliara á cidade de Lisboa coa Escola Superior de Teatro e Cinema (ESTC) e o Teatro Nacional Dona María II, e posteriormente integrouse Francia coa Escola Nacional de Artes e Técnicas Teatrais (Ensatt) na cidade de Lyon e o seu teatro oficial Les Celestines. Nesta semana de encontros tamén foron convidados algúns países como Hungría, Italia ou Alemaña, polo que cadaquén tamén falou da súa experiencia en cada escola. Foi moi interesante ver a diferente xestión que hai a nivel europeo.

—Cales foron as principais diferenzas que puideron percibir?
A escola de Lyon é estatal, porque depende dun estado tan centralizado como é o francés. Contan cunhas instalacións moi potentes en canto a produción teatral e percorrido de escenografía. De feito, as producións que puidemos ver a nivel académico tiñan un soporte moi potente, case como se fose unha representación profesional. Por outra parte, con respecto a Portugal e Francia, no Estado español non existe a formación en produción teatral, o cal é unha carencia moi grave. A xente que se dedica a isto vén doutros estudos. Non obstante, dentro da nosa escola contamos coa vantaxe de ter integradas as dúas ramas: xestual e textual. Ningunha das outras escolas ten integrado o teatro xestual. Cada país ten as súas propias dinámicas.

—Cre que este proxecto pode facer máis doada a profesionalización a un nivel máis internacional?
O programa está dentro do proceso de formación do noso alumnado. Así, están dous meses traballando en Lyon, mais manteñen as titorías telemáticas para que o proxecto resultante sirva como proxecto final de estudos. Polo tanto, a estrea da obra resultante será en Lyon, mais terá o seu percorrido en Santiago e en Lisboa de forma que poidamos avalialo. As catro especialidades da nosa escola están representadas con alumnado de cada unha delas. 
Evidentemente, o programa Erasmus supón unha facilidade e un apoio económico para o tempo que están ensaiando. Con todo, o Proxecto Nós-Nous aproveita a facilidade europea para a mobilidade e a coordinación tan potente que hai entre as escolas e coa rede de teatros nacionais para que os resultados poidan ter un lugar na súa programación. Para nós é unha cuestión sobre todo de facilitar encontros e de ver como se está a traballar dentro de Europa. 

—A obriga de ter que integrar tres países e, por tanto, pasar a contar con Francia dentro do proxecto, muda o sentido deste?
Nun principio era un plan que estaba pensado para tres anos, mais a pandemia fixo que se dilatase no tempo, así como no propio sentido. Nos comezos, o alumnado tiña un traballo máis directo coa que eu denominaría cultura atlántica. Con todo, coa experiencia en Francia, considero que hai unha apertura cara a outros países que é moi enriquecedora para a capacidade expresiva do noso alumnado, que ao final é do que estamos a falar. Creo que non é moi coherente admirar o traballo que están a facer un grupo de Berlín ou un de Suecia e non abrirnos a esas escolas.

Por outra parte, están a traballar cun texto de Tiago Rodrigues, autor portugués, que se estreará en galego, francés e portugués e esa riqueza non podemos obviala. Tamén se están abrindo portas cara a novas vías de Erasmus con lugares como Mozambique e eu creo que non podemos afastarnos da realidade comunicativa que temos con outros lugares. O proxecto remata o ano que vén e veremos os novos socios cos que contaremos.

Comentarios