A AELG pide a inclusión da Escrita Creativa nas Ensinanzas Artísticas

A Lei tramitarase proximamente no Congreso.
Un obradoiro de escrita organizado pola AELG.
photo_camera Un obradoiro de escrita organizado pola AELG.

Tras a aprobación polo Consello de Ministros da Lei de Ensinanzas Artísticas e a súa próxima tramitación no Congreso dos Deputados, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega vén de facer público un comunicado no que se adhire ás reivindicacións da plataforma Calíope para que a Lei de Ensinanzas Artísticas inclúa no seu texto a escrita creativa.

 O comunicado apoia unha lei "que consideramos moi necesaria para o recoñecemento da formación artística, así como do labor das persoas, empresas e institucións que levamos anos impartíndoa". Mais, ao mesmo tempo, tan reclama que a Escrita Creativa se engada á relación de ensinanzas artísticas recollidas en dita lei, por ser unha "disciplina inxustamente esquecida e sen que a Lei quedaría inevitabelmente incompleta".

 

Metodoloxía e sistema de ensino propios

O comunicado incide en que a Escrita Creativa é unha ensinanza artística con máis de 40 anos de traxectoria no Estado e plenamente implantada como disciplina oficial na gran maioría dos estados da contorna, tanto a nivel europeo como en Latinoamérica. "A súa incorporación á Lei de Ensinanzas Artísticas non só é necesaria para asegurar que a formación das escritoras e escritores teña o mesmo nivel e oportunidades que a dos demais artistas, senón tamén para permitir que as escolas e obradoiros literarios, así como o profesorado -a maioría formado por escritoras e escritores- que desenvolven a súa actividade nos mesmos, poidan ver recoñecidos o seu coñecemento e a experiencia acumulados".

O futuro de todo un sector -segundo reza a carta- que desenvolveu unha metodoloxía e un sistema de ensino propios e de alta calidade, depende tamén do recoñecemento da nosa actividade como disciplina artística".

O comunicado remata solicitando o apoio dos grupos políticos e parlamentarios, "así como da sociedade en xeral e das escritoras e escritores e demais actores do sector do libro, á emenda que se presentou para que as Ensinanzas Artísticas Superiores de Escrita Creativa sexan incluídas na citada Lei". 

 

Comentarios