As mulleres son maioría nas ensinanzas artísticas e culturais da Galiza

Un total de 47.592 galegas e galegos matriculáronse o pasado curso en estudos relacionados coas profesións culturais, dos que seis de cada dez eran mulleres. A presenza feminina é especialmente destacada en disciplinas como a danza ou as artes plásticas. Porén, os homes son maioría dentro da comunidade docente.
O obxectivo da futura proba de madurez é acabar coa anguria dos momentos previos á Abau, afirman desde o Goberno estatal. (Foto: Arxina)

#abau #selectividade #universidade #exame
photo_camera En todos os estudos universitarios de artes impartidos na Galiza hai máis alumnas que alumnos. (Foto: Arxina)

Os estudos orientados ás disciplinas culturais e artísticas teñen unha presenza "importante e destacábel" na Galiza. Así o conclúe o informe Ensinanzas do ámbito cultural. Setembro de 2022, difundido esta quinta feira polo Consello da Cultura Galega, que xa elaborara traballos enfocados ao mesmo campo en 2014 e 2017.

O documento sinala que o pasado curso académico, 2021-22, había 47.592 estudantes matriculados en ensinanzas de réxime especial —artes, música, deseño, danza, teatro, etc.—, dos que até 59,7% eran mulleres e o 40,3% restante, homes. A diferenza entre xéneros, porén, é inferior á de unha década atrás, cando o alumnado feminino alcanzaba 63,1% do total.

Formación profesional

Todos os ciclos formativos relacionados con estas disciplinas teñen hoxe máis estudantes que unha década atrás —5.374 fronte a 3.630—, repartidos en 173 centros públicos e 66 privados.

A danza, a disciplina máis 'feminizada'

O ensino regrado de música mantense como o ámbito co maior número de matrículas, 7.914, unha cifra case invariábel nos últimos dez anos que conta cunha peculiaridade: desde 2012 os centros públicos perderon 519 estudantes e os de xestión privada gañaron 275. Do total, 54,9% son mulleres.

Nas ensinanzas de danza salienta a ampla presenza feminina (90,7%), mentres as mulleres predominan tamén nas artes plásticas e deseño (74%), estudos de conservación e restauración (82,3%) e arte drámatica (65,9%).

Estudos universitarios

No que atinxe ao ensino superior, as artes e humanidades —entre grao, mestrado e doutoramento— gañaron desde 2012 un 14,5% de estudantes, facendo un total de 5.978, nomeadamente nos estudos de grao, que pasaron de 3.634 a 4.581 matrículas.

A Universidade de Vigo é a que conta con máis matriculas na rama artística, 1.665 de grao e 273 de mestrado, mentres a da Coruña fica en segunda posición con 1.529 e 287, respectivamente, e a de Santiago de Compostela mantén en cada caso 1.514 e 191.

As alumnas superan os alumnos en practicamente todas as ensinanzas impartidas nas universidades galegas vencelladas a profesións culturais.

Profesorado

No caso do profesorado, a situación é contraria á que se observa entre o alumnado das diferentes disciplinas artísticas e culturais: 3.043 docentes en total, dos que 53,8% son homes, por volta de 46,2% de mulleres neste sector.

Os mestres son máis en música (62,2%) e as áreas de coñecemento relacionadas cos estudos culturais impartidos nas tres universidades (53,2%). Porén, as mulleres docentes imperan en danza (72,1%), arte dramática (56,1%) e artes plásticas (52,3%).

Comentarios