Contracultura

Belém Brandido: "O circo require de coidados e visibilización, mais ten o potencial como para que a Galiza despunte"

Belém Brandido (Santiago, 1976), da man da compañía Pistacatro, é unha das organizadoras do Encontro D10! de Formación e Innovación en Circo. Brandido aborda a situación actual do circo na Galiza e os próximos obxectivos en relación á disciplina.
Belém Brandido fai parte da compañía Pistacatro (Foto: Tamara de la Fuente).
photo_camera Belém Brandido fai parte da compañía Pistacatro. (Foto: Tamara de la Fuente).

—Cales foron as principais conclusións do V Encontro D10!?
O importante é que é un encontro centrado na innovación e na xeración de coñecemento para a comunidade do circo e das artes escénicas galegas. Este ano salientamos a consolidación do apoio das institucións estatais e galegas e a porta que abrimos xa o ano pasado de internacionalización e colaboración con proxectos europeos. Desde que decidimos organizar o primeiro encontro, cando Pistacatro cumpriu 10 anos -agora xa imos polos 18-, non deixou de medrar tendo en conta estas perspectivas.

Contamos con diferentes apartados: formación, exhibición e debate centrado na produción de coñecemento. Como dicía, a pasada edición abrimos unha colaboración con La Grainerie (Toulouse), que é un dos centros de referencia a nivel europeo. Fixemos un laboratorio ao que convidamos empresas francesas e galegas de sustentabilidade así como artistas de circo de ambos os Estados co obxectivo de responder á pregunta de que podíamos achegar desde o circo para xerar produto ou diferentes formas de estrutura.

A idea é buscar vías de relación con outros sectores e non só traballar pola exhibición. Este ano repetiremos o laboratorio, desta vez en Francia. Isto permite traballar con diferentes perspectivas e pór en común diferentes xeitos de crear. A pesar de ser un encontro que vai aos poucos, o balance é positivo porque vai medrando 
de maneira cuantitativa.

—E a nivel de público?
Tendo en conta que na fin de semana sempre enchemos e que son espectáculos máis de cara a fóra, incidimos moito en traer propostas que habitualmente non están no circuíto comercial. Creo que tamén demos un salto cualitativo en canto as propostas para persoas adultas tanto pola reflexión como pola posta en escena a través do circo.

A idea é tamén achegar esas novas linguaxes e romper ese medo de saír do circo para crianzas. Evidentemente estamos moi a favor e traballamos a carón de persoas que se dedican a el, mais tamén nos interesa moito que non haxa medo á hora de programar circo para persoas adultas. O que pretendemos tamén é que o sector do circo galego, que é pequeno, se mesture nestas xornadas con outras artes como a danza, o teatro ou a manipulación de obxectos. 

—Cal é a situación actual do circo na Galiza? Hai ese espazo para a innovación?
Actualmente o sector está moi atomizado en pequenas empresas, mais isto non ocorre só nas artes circenses. É algo que se dá nas artes escénicas en xeral. A realidade do sector do circo aquí é que debe haber arredor de 70 ou 100 persoas que se dedican a el e poucas compañías profesionais. É un sector que pouco a pouco vai demostrando todo o que ten gañado, mais que aínda é pequeno.

Dentro das artes escénicas, o circo e a danza son as que teñen un menor número de intérpretes e de compañías. Moita xente tamén tivo que marchar ao non haber escolas de formación continuada ou regulada. Con todo, os datos son que o circo durante determinadas épocas do ano é do que máis público arrastra. Pola súa tradición, a rúa tena conquistada. Iso tamén denota unha boa saúde. O que se intenta desde a Asociación de Profesionais de Circo de Galicia é que a formación e as escolas de circo que hai, como Circonove, teñan unha mellor dotación para acoller formacións máis continuadas e que poida haber un sector máis forte.

Como digo, é un sector pequeno que require coidados e visibilización e que ten o potencial como para que a Galiza despunte. Isto é o que traballamos desde o D10!, que se posibiliten eses espazos e tempos para que artistas e incluso persoas que estean interesadas nas artes circenses se poidan achegar. Aos nosos laboratorios vén xente que non é puramente artista de circo, desde profesionais da dramaturxia ou da danza até profesionais do teatro.

Comentarios