O CDG celebra 40 anos cun programa extraordinario

As actividades do centro inciden nas colaboracións internacionais.
Presentación, esta terza feira, 26 de marzo, do programa para 2024.
photo_camera Presentación, esta terza feira, 26 de marzo, do programa para 2024.

O Centro Dramático Galego (CDG) celebra este 2024 os 40 anos da súa fundación desenvolvendo unha programación extraordinaria que onte anunciou o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.

O programa comezou coas recentes postas en escena da coprodución galego-brasileira Hamlet, o de Cunqueiro e de Míticas pero secundarias, dentro do ciclo Clásicas desfeitas, así como da estrea galega de Manuela Rey Is In Da House.

A continuación, verá a luz Os actos e as profecías, produción central da programación do 40º aniversario, no marco do proxecto europeo Phōnē. Tamara Canosa dirixe este espectáculo, que poderá verse en Santiago até o 26 de maio.

Xa en maio, comezará un percorrido de catro meses coa montaxe de pequeno formato De Vilatriste a Vilalegre, en coprodución con Teatro O Cubo e con Sofía Espiñeira e Roberto Casal Mouriño na dirección.

 

Á volta do verán, a compañía pública reestreará Terceiro acto, obra dirixida por Andrea Jiménez e Noemi Rodríguez. Tamén se coproducirá con Culturactiva Nada se sabe, baixo a dirección do madrileño Ignacio García, e avanzarase no proxecto pedagóxico internacional NÓS/NOUS, coa participación no espectáculo Na hora dos cans, con dramaturxia de Ana Carreira e dirección do portugués Nuno M. Cardoso.

Na relación con Portugal, insírense outras iniciativas como Territorios de liberdade, de Vazarim Teatro e Tanxarina Títeres, dirixida por Quico Cadaval; Frágua de amor, a partir da obra de Gil Vicente; o proxecto de coprodución e residencias Curtas-Entrepalav.bras entre Teatroensaio e Butacazero e a programación de As Quintas do Camões, en colaboración co Instituto Camões.

Fear Liath, con teatros de Gales, Irlanda e Países Baixos, e Cores co Teatro Nacional de Bautzen (Alemaña) completan a lista de colaboracións.   

Comentarios