Tanxarina cumpre corenta anos facendo teatro de monicreques na Galiza

O Festival de Títeres de Redondela inaugura a edición deste ano cunha homenaxe aos corenta anos de traxectoria de Tanxarina, fundadora do encontro, pioneira do teatro de monicreques na Galiza e unha das compañías fundamentais no nacemento e desenvolvemento da escena galega actual.
Unha escena de 'Titiricircus', unha obra de Tanxarina con máis de 1000 funcións representadas.
photo_camera Unha escena de 'Titiricircus', unha obra de Tanxarina con máis de 1000 funcións representadas.

Case unha vida e, sobre todo, case unha vida que corre en paralelo á historia do teatro galego profesional. A compañía Tanxarina cumpre corenta anos de existencia e celébraos no Festival de Títeres de Redondela, cuxa creación e desenvolvemento foi, en parte, froito do seu traballo. Comezaba a década de 1980 cando Eduardo Rodríguez Cunha, “Tatán”, decidiu partir da súa Redondela natal para acudir ás clases que daba en Barcelona o mestre Harry Vernon Tozer. Alí coñeceu a Esther Cabacés e xuntos fundaron unha das compañías pioneiras do movemento titiriteiro, como a el lle gusta chamalo, na Galiza.  Miguel Borines, un vello amigo de Tatán, integrouse case de inmediato: participara en compañías de teatro afeccionado e, naqueles tempos en que todo estaba por facer, aquela era unha bagaxe que o lexitimaba para participar do primeiro espectáculo, Rosalin no Pais do Sol. A partir de aí foron integrándose outras persoas: Pablo Giráldez, Quino Vilas e, finalmente Andrés Giráldez, quen acabou converténdose no terceiro pé no que se apoia actualmente Tanxarina. 

 

“Eran tempos en que, efectivamente, tiñamos que inventalo todo, non había nada”, lembra Tatán en conversa con Nós Diario. “Antes ca nós xa estaban traballando no mundo dos monicreques Kukas e Fabanaola, mais todo era moi inconsistente. Creo que destes corenta anos que pasaron, queda sobre todo a alegría de ter participado na formación de toda a estrutura que se foi conformando ao longo do tempo e que permitiu que hoxe o teatro galego estea onde está. Foi moi importante a creación de asociacións profesionais que defenderon a seriedade e a competencia das persoas que faciamos teatro. A partir de aí foron xurdindo as institucións como o Centro Dramático Galego ou o antigo IGAEM, a Escola Superior de Arte Dramática de Galiza... en definitiva, a institucionalización e profesionalización do teatro galego. A pesar de todas as dificultades, resistimos e resistimos con dignidade. E iso permitiu a construción dun teatro profesional”. 

Tatán lembra algunha anécdota que permite albiscar a fraxilidade daqueles inicios: “Nunha reunión da primeira asociación de compañías de monicreques -nas que estabamos Cachirulo, Kukas, Trécola, Danthea, Viravolta e algunha máis- decidimos que ninguén podía cobrar menos de dez mil pesetas. Ninguén soubo moi ben por que dez mil e non quince ou oito mil, era todo un tanto azaroso e había que crear ese marco que nos permitise asegurar que eramos profesionais. En realidade, eramos asociacións que non valiamos para case nada, e moito menos para pedir subvencións. Hoxe contamos con convenios e cunhas condicións legais que daquela non podiamos nin soñar”.

Novos camiños artísticos 

Daquela asociación xurdiu o primeiro festival de títeres galegos en Mondoñedo e, pouco e pouco, aqueles mozos que querían transcender os teatriños de guiñol cos que se identificaba o teatro de monicreques na época foron abrindo camiños artísticos. 

Combinar o teatro de actores cos monicreques permitiulles asociarse coas compañías Teatro de Ningures e Teatro do Morcego nun colectivo bautizado Produccións Teatrais do Sur, que foi pioneiro en estabelecer lazos con Portugal. “Júlio Cardoso, da Companhia de Teatro Seiva Trupe foi quen dirixiu o noso primeiro espectáculo, un Macbett moi interesante a nivel artístico. E tamén un pouco estraño: buscabamos camiños que, se cadra, madurarían máis tarde”. Aínda que Tanxarina xa tiña un percorrido feito nese sentido: “O noso primeiro contacto con Portugal deuse grazas a José Leitão, da compañía Teatro Art’Imagem, que nos levou ao festival Fazer a Festa. Eran tempos en que o contacto entre compañías galegas e portuguesas eran moi habituais”. 

O que hoxe é moeda corrente, a preparación actoral dos manipuladores de monicreques, non o era tanto na época. “Nós, por interese artístico, sempre nos obrigamos a formarnos nese aspecto, e iso nos levou a participar en varios proxectos como A cacatúa verde, de Schitzler, que dirixiu Eduardo Alonso para o Centro Dramático Galego, ou a montaxe de Os vellos non deben de namorarse de Teatro do Morcego”, lembra Tatán. 

Tanxarina participou con múltiples iniciativas na conformación e desenvolvemento do teatro de monicreques e do teatro en xeral. En 1989, por exemplo, organizan o Festival de Títeres de Vigo, que só durou cinco anos pero que foi a porta de entrada para Latinoamérica a través de José Amaya, que os levou ao Festival de Títeres do Salvador. E, no ano 2000, comeza o Festival de Redondela. 

"En realidade", di Tatán, "a iniciativa foi dun rapaz chamado Juanjo Amoedo, moi activo no movemento veciñal. Insistíanos en que fixésemos un festival en Redondela. O mesmo ano morreu nun accidente doméstico e dende entón o Festival lémbrao chamándose 'Memorial Juanjo Amoedo'. Aquí a xente identificouse desde o primeiro momento co Festival e iso permitiu que agora estea consolidado como unha das grandes citas dos monicreques na Galiza".  

O festival honra agora as catro décadas de traxectoria de Tanxarina e Tatán acéptao "cunha grande alegría, contentos de que a asociación Xente Titiriteira, que é a que organiza agora o festival, se acordase dos que levamos tanto tempo tirando deste carro. Con humildade e moita alegría".

O futuro dos monicreques

Tanxarina levou as súas creacións por toda a xeografía de Europa e América, demostrando que o teatro feito na Galiza pode interesar en calquera lugar do mundo. Mais Tatán cre que aínda faltan pasos que dar para a consolidación definitiva do teatro de monicreques do noso país, especialmente no campo da formación. "Os títeres sempre dependeron moito de tradicións familiares e creo que chegou o momento de que a Escola Superior de Arte Dramática se decida a formar ás novas xeracións. Temos moi boas compañías e  somos moi bos construíndo bonecos, mecanicamente fantásticos. Mais falta tratar as dramaturxias, lograr que as obras teñan un desenvolvemento que naza da propia natureza do xénero".

Comentarios