O CDG ensaia xa a obra que celebra o seu 40º aniversario

Un elenco de 20 intérpretes traballa xa baixo a dirección artística de Tamara Canosa, quen asina tamén o texto xunto a Xacio Baño.

Tamara Canosa dirixirá 'Os actos e as profecías'. (Foto: Nós Diario).
photo_camera Tamara Canosa dirixirá 'Os actos e as profecías'. (Foto: Nós Diario).

O equipo artístico de Os actos e as profecías, o próximo espectáculo do Centro Dramático Galego, iniciou esta semana no Salón Teatro de Santiago de Compostela a primeira quenda de ensaios cara á súa estrea en abril de 2024 da que será a produción central na celebración do 40º aniversario da compañía institucional. 

Sergio Abelaira, Marta Alonso Tejada, Mónica Camaño, Miguel Canalejo, Isolda Comesaña, Manuel Cortés, Antón Coucheiro “Cou”, Iván Davila, Raquel Espada, Xosé Manuel Esperante, Alba Fernández Cotelo, Sara Ferro, Atenea García, Miguel Gendre, Raquel Nogueira Watson, Alba Recondo, Ana Santos Maneiro, Lois Soaxe, Jorge Varandela e Antía Vidal son os 20 nomes que conforman o elenco, un dos máis numerosos dos contratados pola compañía pública galega nos seus case 40 anos de historia, que foi seleccionado tras as audicións celebradas o pasado verán coa participación de máis de 80 intérpretes de toda a Galiza. 

Ademais, tamén forman parte do equipo de Os actos e as profecías Montse Piñeiro e Marta Ferrer Ucelay á fronte do deseño do vestiario e a caracterización; Rut Balbís, do movemento; José Faro, da iluminación canda Iván Núñez e do espazo escénico; Xosé Lois Romero, do espazo sonoro, e Laura Míguez no acompañamento a Tamara Canosa nos labores de dirección. 

Proxecto Phōnē

Con todas as súas achegas, o Centro Dramático Galego está a preparar un espectáculo que ten como fío condutor os chamados talent shows, un dos formatos televisivos de maior éxito nos últimos anos. A partir del, abórdanse temáticas como a competitividade, as expectativas de superación, as presións constantes ou as esixencias impostas para o sacrificio.

Ademais de se presentar como o espectáculo principal do ano 2024 da unidade de produción teatral da Xunta, Os actos e as profecías é unha das propostas resultantes do proxecto europeo Phōnē para a posta en valor tanto da diversidade lingüística europea como das linguas minoritarias a través do teatro. Nel, ademais do Centro Dramático Galego, participan entidades escénicas doutros sete países. 

Comentarios