Profesionais e Academia Galega do Teatro alertan da “privatización” de CDG e CCG

Exixen a retirada dun Proxecto de Decreto para modificar os Estatutos da Agadic que se está a levar a cabo “de costas ao groso do sector e que acentuará o desmantelamento sistemático que a Xunta está a practicar coas unidades de produción institucional” no Centro Dramático Galego e Centro Coreográfico Galego.

Conferencia de prensa da AAAG [EuropaPress]
photo_camera Xose barato e Imma António (Europa Press)

O Centro Dramático Galego (CDG) e o Centro Coreográfico Galego (CCG) son dúas institucións públicas de creación escénica que desde hai dez anos “padecen de forma continuada a mingua da súa actividade, os recortes nos seus orzamentos, a asfixia burocrática e o puro esmorecemento”. Quen afirma isto é a Asociación de Actores e Actrices de Galiza (AAAG) e a Academia Galega de Teatro, que veñen de denunciar “un novo capítulo no desmantelamento sistemático que a Xunta está a levar a cabo” en CDG e CCG.

Afirman que a Xunta quer “laminar a xa escasa autonomía do CDG”, reducir as funcións da súa dirección e eliminar a súa representatividade, e abrir as portas á completa externalización e privatización das súas montaxes escénicas. No caso do Centro Coreográfico Galego, a súa actividade quedará diluída na “burocratización e a súa dirección ficará sen funcións atribuídas”.

Son as conclusión que AAAG e Academia tiran do proxecto de decreto polo que se modificará parcialmente o Estatuto da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), entidade integrada na estrutura da Consellería de Cultura e Turismo e da que dependen tanto o CDG coma o CCG. Así o explicaron en rolda de prensa Xose Barato, da AAAG, e Imma António, de Academia Galega de Teatro, que denunciaron ademais que todas as modificacións  se están a desenvolver “de costas ao sector, sen informar nin consultar ao groso das asociacións do tecido profesional”, engadindo que Músicas Ao Vivo apoian as preocupacións expostas.  

O pasado 20 de novembro, no pleno do Parlamento, o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, anunciou un novo Estatuto da Agadic, que viría a substituír o que está en vigor dende 2012. Rodríguez asegurou que entre os cambios, atopábanse a creación da figura do xerente da Agadic; a inclusión na axencia do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) e a creación dun novo departamento de danza no que se situará o Centro Coreográfico. Porén, denuncian AAAG e Academia galega de Teatro, o conselleiro omitiu outra serie de cambios de maior calado que se descobren agora ao consultar o proxecto de novo estatuto.

Na rolda, tamén se quixo alertar ao respecto da situación do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), xa que a través deste novo estatuto pasaría a adscribirse funcionalmente á Agadic e a formar parte do Departamento de Produción Audiovisual, abríndose a porta a que o titular deste departamento asuma as competencias do posto de dirección do CGAI.

Na rolda, aproveitouse tamén a ocasión para desmentir o Conselleiro de Cultura, quen en sede parlamentaria asegurou ao anunciar o novo estatuto da Agadic que se falara co sector ao respecto. As entidades convocantes afirmaron que non consta contactos sobre este asunto co groso do tecido asociativo profesional nin se informou dos sensibles cambios que se emprenderán, polo que se debe considerar que o novo estatuto se realiza de costas ao sector.

Comentarios