'A camisa', de Lauro Olmo, chega en formato 'podcast'

A obra A camisa de Lauro Olmo, traducida por Ramón de Valenzuela, conta  desde esta sexta feira cunha versión en formato sonoro dixital que se pode escoitar na páxina web do Consello da Cultura Galega.
Álvarez, García, Pizcueta e Cruz na presentación (Foto: Nós Diario)
photo_camera Álvarez, García, Pizcueta e Cruz na presentación (Foto: Nós Diario)

A camisa, unha peza dramática de Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, 1922-Madrid, 1994) que retrata o drama da emigración na pel dunha familia que se traslada a Madrid coa esperanza dun mundo mellor,  e traducida ao galego por Ramón de Valenzuela, conta desde onte cunha adaptación sonora grazas á colaboración do Consello da Cultura Galega (CCG) e o concello do Barco de Valdeorras.

A través de cinco episodios de entre 12 e 15 minutos de duración en formato podcast, e baixo a dirección de Tito Asorey,  as interpretacións de Melania Cruz, Josito Porto e o propio Asorey dan vida á obra de Olmo. O elenco artístico complétano María Costas, Nacho Castaño, Vanesa Sotelo e Davide González.

A emisión dos capítulos comezou esta sexta feira desde a páxina web do CCG e as súas redes sociais. Cada sexta feira, emitirase un novo episodio até o 22 abril, data en que se completa o proxecto. 

Aposta polo teatro galego en galego

Na adaptación en formato podcast d'A camisa xúntanse varios feitos destacados. O primeiro deles é que se trata dun texto relevante para descubrir o drama da emigración, que sufriu o propio Lauro Olmo, xa que seu pai emigrou a Bos Aires, o que fixo que a súa familia se instalase en Madrid sendo el moi novo. Olmo está considerado un dos dramaturgos máis representativos do Realismo Social durante os anos da ditadura franquista e das primeiras décadas da democracia.

Tivo grande influencia nel a súa muller, Pilar Enciso, coa que escribiu varias obras infantís. A obra literaria dos dous, así como a documentación recibida e producida por eles, custódiase no Fondo Lauro Olmo do Centro de Documentación de las Artes Escénicas e da Música.

O segundo é que Ramón de Valenzuela (Silleda, 1914-Sanxenxo, 1980) é autor da tradución da que se partiu neste proxecto. O silledense representa tamén a memoria do exilio, unha das liñas de traballo do CCG para este 2022.

Valenzuela foi un deses homes que contribuíron cun teatro en galego diferente, no que fixo tanto achegas actorais, como orixinais da súa propia autoría, é o caso da peza teatral As bágoas do demo, ou a tradución de textos de interese por exemplo os de Lauro Olmo  ou Syngel.

Comentarios