As medallas de honra do Consello da Cultura Galega entréganse o 25 de febreiro

Galardoan este ano a profesora Helena González e o catedrático Luís García Montero.
Helena González (Foto: Consello da Cultura Galega)
photo_camera Helena González (Foto: Consello da Cultura Galega)

O Consello da Cultura Galega (CCG) entregará as súas medallas de honra o vindeiro 25 de febreiro. O acto terá lugar no paraninfo da Universidade de Santiago e será retransmitido en directo a través de Internet. O plenario do CCG acordara na sesión celebrada o pasado mes de outubro recoñecer coa súa máxima distinción o apoio de Helena González e de Luis García Montero na promoción da lingua e cultura galega no exterior. 

A Medalla do CCG é un galardón recente. Foi creado en 2018 para recoñecer a relevancia e significación de persoas físicas que sobresaen de maneira especial nos servizos prestados ao Consello da Cultura Galega, en particular, ou á cultura galega en xeral. Os anteriores homenaxeados recibírono en 2018, e foron Pablo Figueroa Dorrego, Ana Paula Laborinho e, a título póstumo, Francisco Lores Mascato.

Helena González, de Vigo a Barcelona

Helena González Fernández (Comesaña-Vigo, 1967) é profesora titular da Universidade de Barcelona (UB), onde é docente de literatura galega e directora do ADHUC-Centro de Investigación en Teoría, Xénero e Sexualidade. Desde 2017 é académica correspondente da Real Academia Galega.

As súas actividades de investigación e promoción cultural céntranse na crítica literaria feminista, a cultura popular, a literatura galega contemporánea e mais as relacións culturais entre a Galiza e Catalunya.

Formou parte do consello editorial da colección de Ablativo Absoluto de Edicións Xerais, do consello de redacción do Anuario Grial de Estudos Literarios Galegos, foi codirectora de Lectora. Revista de Dones i Textualitat, colaborou no Diario Cultural da Radio Galega e fixo crítica de poesía en diversas revistas.

Luis García Montero, do Cervantes a Rosalía

Un perfil ben diferente é o do outro galardoado, Luis García Montero (Granada, 1958). Catedrático de Literatura Española na Universidade de Granada, é poeta, ensaísta e crítico literario. Desde o 2018 dirixe o Instituto Cervantes, desde onde desenvolve un programa na defensa da diversidade lingüística e cultural do Estado español.  Segundo apuntan desde o CCG, é un bo coñecedor da figura da poeta Rosalía de Castro.

Comentarios