O Barco pídelle ao Concello da Coruña mudar o nome da rúa Alcalde Peñamaría de Llano por Mártires de Valdeorras

O Pleno do Concello do Barco de Valdeorras alcanzou un acordo unánime para lle solicitar ao Concello da Coruña mudar o nome da rúa Alcalde Peñamaría de Llano por Mártires de Valdeorras.

roteiro_vergonha_corunha_2out2021
photo_camera Quinto "Roteiro da Vergoña" na Coruña (Imaxe: Nós Diario)

O movemento da memoria da Coruña lembra nun comunicado de prensa que en outubro de 2019 o mesmo Pleno acordaba, tamén por unanimidade, e en aplicación da Lei de memoria histórica, adoptase as medidas para “a reparación moral da veciñanza da comarca de Valdeorras e recuperar a súa dignidade”.

O citado rexedor, tenente, participara ao mando dunha Bandeira da Lexión.

A Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica lamenta que “o Goberno municipal do PSOE da Coruña non tomara nestes dous anos ningunha iniciativa para atender a demanda do Concello do Barco”.

Precisamente, o sábado pasado, 2 de outubro, a entidade organizaba o quinto “Roteiro da Vergoña”, no barrio coruñés do Ventorrillo, para reivindicar o cambio dos nomes de catro rúas de alcaldes da ditadura, entre os que se atopaba o citado Peñamaría de Llano.

A iniciativa aprobada pola Corporación municipal refírese ás “crueis e asasinas accións de represión ao servizo da ditadura" e de "sinistro paso de Peñamaría pola comarca de Valdeorras".

A moción aprobada de maneira unánime empraza o concello da Coruña “a tomar en consideración a proposta da Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña en orde a substituír a rúa Alcalde Peñamaría de Llano pola de Mártires de Valdeorras".

A CRMH informa de que continuará no mes de novembro coas súas actividades informativas, educativas e reivindicativas.

Sinala que no sexto “Roteiro da Vergoña”, que decorrerá polo centro da Coruña, fará un recorrido desde a casa do alcalde Alfonso Molina, á de Pedro Barrié de la Maza, pasando polo busto do Alcalde Sanjurjo de Carricarte, a rúa de Ambrosio Feixoo Pardiñas e o peirao de Calvo Sotelo, “todos eles signficados franquistas e golpistas”.

As accións insírense na campaña para acabar con 108 restos do franquismo que aínda quedan na Coruña, que dependen do concello, e outros 37 que dependen da Deputación, “un auténtico record e unha vergoña para a cidade”.

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios