Tres concertos abrirán o encontro na Praza da Soidade, ao pé do Museo Provincial, esta sexta feira. O blues contemporáneo expresarase a través dos vascos Travellin' Brothers, que actuarán ás 21.30 horas. Oito discos e un milleiro de bolos ás costas aválanos.
Despois será a quenda de Aurora & the Betrayers, banda con sede en Madrid, ángulos soul e un potente groove. The Cyborgs, dúo procedente de Italia, pecharán a noite cunha idea do blues en que colisionan tamén funk e punk.
O sábado 21, o Blues Museum arrinca xa de mañá. Ás doce, o escollido mellor guitarrista europeo nos European Blues Awards, Laurence Jones, ofrecerá unha clase de balde nos xardíns do Museo Provincial. Para asistir cómpre anotarse no enderezo electrónico cultura@deputaciónlugo.org.
The Cyborgs repetirán actuación en Campo Castelo, mais en horario de sesión vermú a partir das 13.45. E á noite, de novo na Praza da Soidade, a xornada grande do festival. Inaugúrana ás 21.30 Southern Avenue, segundo a organización “a banda de blues máis relevante e popular de Memphis, USA”, e finalistas do International Blues Challenge 2016.
Seguirá Laurence Jones e clausurarán esta fin de semana lugués dunha das máis definitorias músicas afroamericanas os cataláns Dani Nel.Lo & Los Saxofonistas Salvajes. Nel.Lo formou antes en Los Rebeldes ou nos Mambo Jambo. Agora dedícase a recuperar o son do rhythm and blues e o rock & roll primeiro.
O II Festival Internacional de Blues de Lugo Blues Museum organízano a Deputación de Lugo e mais o concello.