Do 3 ao 5 de agosto

Pardiñas e as 'músicas do mundo'

Se a etiqueta “músicas do mundo” aínda ten algún sentido é para citas como a do Festival de Pardiñas. O mítico encontro de Guitiriz, que este ano celebra a súa edición número 39, acolle bandas e propostas galegas, mexicanas, portuguesas e irlandesas.
 

kumbia boruka
photo_camera Os mexicanos Kumbia Boruka, que actuarán no Festival de Pardiñas. Foto: cedida.

A previa de Pardiñas será a sexta feira 3 de agosto. Un “certame de cantos de taberna” percorrerá os bares da vila chareiga. Ao día seguinte, sábado, a animación trasladarase a Pardiñas. Un aberto de billarda, unha mostra de instrumentos tradicionais e outra de artesanía, unha carreira popular e mais o primeiro dos dous pregóns do festival -a cargo de Xan Silvar e Raparigos- abrirán o camiño para a música.

A música tradicional estará representada o 4 de agosto por agrupacións galegas: Maraghotas, Bloquinho de Xermolos e Faíscas da Pontraga. A partir das doce da noite, haberá cambio de tercio. TT Syndicate, desde Porto (Portugal), ofrecerán soul e rhythm & blues, unha boa ración de músicas afroamericanas. Seguiranos Kumbia Boruka, que practican en diferentes variantes un deses ritmos globais de moda: a cumbia. Pecharán Banda Xangai, galegos e mestizos.

Para o domingo 5 de agosto, Pardiñas contará con sesión vermú. Tocarán Turre's Band. Un “concerto punkinfantil” ás catro e media da tarde anetecederá ao segundo pregón do festival, que pronunciará o escritor Carlos Meixide -autor da novela de aventuras Guitiriz.  A verbena comezará ás 20.30 horas cos galegos Airiños da Freba, Xosé Lois Romero & Aliboria e Turre's Band, e mais os irlandeses Sin A Deir Si.

A activa asociación cultural Xermolos -produto da eclosión asociacionista do tardofranquismo- organiza o Festiva de Pardiñas, que conta con numerosos apoios institucionais e de empresas privadas.

Comentarios