O bicentenario de Antolín Faraldo celébrase ante o silencio da Xunta da Galiza

Un estudante cunha curiosidade inesgotábel por todo o que o rodeaba, un precursor da idea dunha Galiza soberana, un intelectual que non dubidou en pasar á acción cando foi necesario: Antolín Faraldo foi definido como "o primeiro e o mellor", mais as institucións seguen sen darlle o trato
 
Antolín Faraldo, por Francisco Sobrino
photo_camera Antolín Faraldo, por Francisco Sobrino

Foi o pioneiro da idea de autodeterminación da Galiza. Preocupouse de problemas que seguen tendo vixencia nos nosos días -desde o feminismo até a organización territorial-. Participou na revolución do 1846, da que foi inspirador e instigador, e exerceu como secretario da Xunta Provisional de Goberno da Galiza. E, non obstante, a Galiza non se lembra del como debera.

Hoxe fanse douscentos anos do nacemento de Antolín Faraldo, aquel de quen dixera Murguía que fora "o primeiro e o mellor". E chama a atención o esquecemento da súa figura: nin unha soa homenaxe institucional, nin un só acto de lembranza desde as entidades que marcan o ritmo da política e da cultura galega. Só os xogos florais que o Concello de Betanzos e a Deputación da Coruña promoven no seu Betanzos natal  dan fe da efeméride.

 

O primeiro e o mellor 

Antolín Faraldo nace o 2 de setembro de 1822 no número 1 da rúa San Francisco de Betanzos. Seu pai, Feliciano Faraldo, era un entregado escribán absolutista, e súa nai, Francisca Asorei, unha muller coñecida pola súa devoción católica. 

Cando ía facer dez anos, a familia trasladouse a Santiago de Compostela, onde cursou, de 1835 a 1842, estudos de Medicina, ademais doutras materias vencelladas á filosofía, ao grego, á física experimental... As súas múltiples lecturas e a súa inesgotábel curiosidade intelectual levárono axiña a preocuparse pola realidade do seu tempo e, especialmente, polos problemas da Galiza. 

En 1842 incorpórase á Academia Literaria de Santiago -unha institución progresista, liberal, de carácter científico e literario- e nela dáse a coñecer como pensador, como orador e como polemista. Nese mesmo ano entra na redacción de El Recreo Compostelano, desde cuxas páxinas  comeza a modelar a estruturación teórica do provincialismo: a visión crítica da situación da Galiza, a vinculación de temas galegos con temas universais e a relectura do pasado como elemento de construción da identidade son constantes do seu pensamento que van consolidando o seu ideario e que o dan a coñecer como brillante pensador. 

De 1842 a 1846, Faraldo desprega un incansábel labor como xornalista, ideólogo e publicista. A súa paixón intelectual lévao a participar en varias asociacións -como a Deputación Arqueolóxica Galega- e a intervir en todos os debates políticos e intelectuais do seu tempo. 

A prensa sérvelle como ferramenta de intervención mais tamén de instrumento de consolidación das súas liñas de pensamento. Escribiu en El Idólatra de Galicia, El Recreo Compostelano, La Situación de Galicia e en El Porvenir. O xornalismo, a palabra en acción, transfórmase no seu cabalo de batalla, na trincheira na que afina os seus postulados e na que perfila o que deu en chamar a grande obra, todo un programa de reivindicación e restauración da Galiza. 

Será en El Porvenir onde publique o seu manifesto Nuestra bandera literaria, que constitúe un dos eixos principais do pensamento provincialista, centrado na personalidade propia do pobo galego e na arela de autodeterminación. Faraldo convértese en guía e promotor desta idea. Nesta altura, xa é un personaxe popular, un pensador influínte nos círculos ilustrados e un temido contrincante en calquera debate político-filosófico, ademais do principal construtor da primeira doutrina que puña no centro a emancipación da Galiza. 

 

A revolución de 1846 

O levantamento de 1846 é, talvez, o feito histórico máis coñecido en relación con Faraldo, mais non está de sobra lembrar que, se ben se trata dun levantamento que se sitúa dentro das coordenadas das revoltas liberais que se estaban a dar na península na altura, especialmente en Catalunya, na Galiza adquiriu un carácter propio, precisamente por estar ideado e dirixido polos provincialistas.  

Faraldo fai parte da xunta revolucionaria a carón doutras figuras destacadas do provincialismo como Romero Ortiz e Pío Rodríguez Terrazo. Participa activamente no programa de recrutamento do que sería o Batallón Literario de Santiago e redacta a coñecida proclama de liberación (Galicia, arrastrando hasta aquí una existencia oprobiosa, convertida en una verdadera colonia de la Corte, va á levantarse de su humillación i abatimiento.) no que explicita o concepto de colonia interior que manexara en varios dos seus escritos anteriores e no que se formula un programa de autogoberno como fórmula de "restauración" da Galiza.

Final

A derrota e o fusilamento de Solís provocou o repregamento daquel galeguismo inicial a posicións culturalistas. Faraldo, exiliado en Portugal, escribe a  Reseña histórica de los últimos acontecimientos políticos de Galicia (asinado por Juan do Porto) para, despois de recibir o indulto coa condición de que non volvese residir na Galiza, instalarse en Córdoba primeiro e, logo, en Madrid. 

A última biografía de Xurxo Martínez González pon en cuestión aquelas palabras de Murguía en Los precursores que sentenciaban que, despois da revolución de 1846, "Faraldo no nos pertenece", desvelando que os seus proxectos seguiron vinculados á Galiza até o seu prematuro final, cando contaba só con 31 anos de idade. 

Unha obra sen edición moderna 

 brillante personalidade de Faraldo, a modernidade e intelixencia dos seus escritos, o seu carácter de precursor na vindicación dunha identidade galega diferenciada, a súa pioneira defensa do autogoberno, o seu papel de intelectual comprometido que, chegado o momento, cambia "a pluma pola espada", ou o feito de que os seus postulados exercesen unha influencia determinante nas xeracións posteriores do galeguismo, empezando por Murguía: nada diso parece ser suficiente para que as institucións 
e entidades políticas e culturais do país o consideren digno dunha homenaxe —exceptuando os recentes Xogos Florais impulsados pola Deputación da Coruña e o Concello de Betanzos— de que se difunda a súa figura e nin sequera de que se propicien estudos atentos e obxectivos.

Comentarios