Sanmartín advirte de que o Goberno de Santiago incumpre o acordo de conmemorar Antolín Faraldo

Esta sexta feira, 2 de setembro, celébrase o bicentenario de Antolín Faraldo, polo seu nacemento, motivo que leva o BNG a denunciar que o Goberno local de Compostela “incumpre o acordo de conmemorar” a efeméride.

Miguel Solís, Antolín Faraldo (no centro) e Pío Tarrazo.
photo_camera Miguel Solís, Antolín Faraldo (no centro) e Pío Tarrazo.

A portavoz do BNG no Concello de Santiago, Goretti Sanmartín, denunciou na mañá da quinta feira que “o Goberno local do PSOE incumpre o acordo de organizar actividades de conmemoración da figura de Antolín Faraldo no bicentenario do seu nacemento”.

Sanmartín lembra nunha nota de prensa que o BNG realiza todos os anos no mes de abril un acto en homenaxe aos Mártires de Carral e, concretamente, á figura de Antolín Faraldo “para lembrar o que supuxo para o nacionalismo galego e para Santiago de Compostela, que foi escenario de batalla na rúa do Hórreo, nas Trompas, na praza de Cervantes e San Martiño Pinario durante a Revolución galega de 1846”.

"Non se entende que o Concello de Santiago de Compostela non realice actividades de recoñecemento e conmemoración do que significaron os Mártires de Carral, a Revolución de 1846 e a figura de Antolín Faraldo pese estar aprobado por unanimidade no Pleno a iniciativa do BNG", expuxo.

goretti
A portavoz do BNG en Compostela, Goretti Sanmartín.

Unha responsabilidade “dupla”

“A responsabilidade do Concello deste ano é dupla, pois o 2 de setembro de 2022 conmemórase o bicentenario de Antolín Faraldo”, advertiu a portavoz nacionalista, que lembrou que en novembro de 2021 o BNG propuxo no Pleno unha campaña de difusión en colaboración con asociacións veciñais e culturais de Santiago que se dirixa tamén á mocidade e aos centros de ensino para conmemorar o bicentenario de Antolín Faraldo no referido á súa vinculación con Santiago de Compostela.

"Chega esta data e non vemos actividades organizadas polo Concello de Santiago para conmemorala, algo que nos chama a atención, polo que reclamamos que se dea resposta ás iniciativas aprobadas en Pleno neste caso por unanimidade da Corporación", acrecentou.

Antolín Faraldo naceu o 2 de setembro de 1822 e ten unha forte vinculación con Santiago de Compostela. Ademais de ser autor da proclama da Xunta provisional do Goberno de Galiza na Revolución Galega de 1846, que tivo como escenario a cidade de Compostela, colaborou en xornais de recoñecida sona na época como El Recreo Compostelano e La Situación de Galicia, e logo foi director de El Porvenir e La Europa.

Este 2022 fanse 200 anos do nacemento de Antolín Faraldo, “unha boa data para que o Concello de Santiago efectúe unha programación en que dea a coñecer que o Mosteiro de San Martiño Pinario serviu de escenario e de refuxio durante a Revolución Galega de 1846, así como dos relatos de Manuel Murguía e doutros historiadores que describiron esa contenda que transcorreu polas rúas e montes de Compostela”, defende o BNG.

Galiza como proxecto político

Antolín Faraldo pertence á primeira xeración de galeguistas que abrazaron a idea de concibir Galiza como un proxecto político e ese xermolo do que logo foi o Rexurdimento, as Irmandades da Fala, o Partido Galeguista e o nacionalismo galego contemporáneo. “A celebración do seu bicentenario era un bo momento para recoñecer que Santiago de Compostela foi o enclave da Xunta Superior do Reino de Galiza, en que fan unha proclama contra os impostos, a centralización e os abusos do poder”, engade Sanmartín.

O BNG advirte de que o Concello “puido aproveitar esta efeméride para instalar unha placa en homenaxe aos Mártires de Carral que recorde eses acontecementos da Revolución de 1846, pois é de xustiza que en Santiago de Compostela se coñezan eses episodios históricos que transcorreron en diversos puntos da propia cidade para crear ese sentimento colectivo de pertenza a un pobo diferenciado que daquela loitaba con esa expresión do Provincialismo de que Galiza é unha unidade enteira, mais que estaba a ser tratada como unha colonia pola Corte e que tiña que reivindicarse contra as discriminacións que padecía, como defendeu o propio Antolín Faraldo”.

Comentarios