Antolín Faraldo volve a Betanzos

A Deputación da Coruña promove unha serie de actividades, presenciais e nas redes, co obxecto de poñer en valor a obra e a traxectoria de Antolín Faraldo no ano do bicentenario do seu nacemento.
Antolín Faraldo, por Francisco Sobrino
photo_camera Antolín Faraldo, por Francisco Sobrino

Segue a ser un mito fundacional da nación galega, o primeiro que impugnou o modelo de Estado unitario imposto polos liberais españois. O 2 de setembro cumpriranse os douscentos anos do nacemento de Antolín Faraldo, o autor do célebre chamamento da Xunta Superior de Goberno da Galiza, publicado o 17 de abril de 1846 -"Galiza arrastrando até aquí unha existencia oprobiosa, convertida nunha verdadeira colonia da corte, vai a levantarse da súa humillación e abatemento". Del dicía Benito Vicetto que "segundo o señor Faraldo, a rexeneración galaica non podería conseguirse senón pola súa emancipación e ao berro de 'non queremos ser máis que galegos', que  lanzou no periódico compostelán El Porvenir". 

Para celebrar e lembrar esta figura, non tan ben coñecida como merecería, Betanzos, a súa vila natal, xa está a organizar numerosos actos que poñen en valor en valor a súa obra. 

A Deputación da Coruña impulsa un "ano Faraldo"que contará cun programa -que se desenvolverá, sobre todo en Betanzos- destinado a dar a coñecer a súa impronta no contexto histórico e político no que participou, moi especialmente na revolución galega de 1846 -que concluíu co fusilamento de Solís e de once dos seus oficiais, hoxe coñecidos como os mártires de Carral. 

As actividades tratarán tamén de celebrar e visibilizar a súa traxectoria xornalística e as temáticas que tratou nos seus artigos. Faraldo destacou como xornalista e fundou, en 1845, El Porvenir, un semanario no que plasmou o seu modelo político para a Galiza, liberal e rexionalista. 

Así, os días 26, 27 e 28 de agosto diversos espazos culturais de Betanzos acollerán os xogos florais dedicados ao escritor e xornalista que, ademais de actuacións literario-musicais para todo tipo de públicos, terán un enfoque participativo a través dun slam poético para menores de 35 anos e un concurso xornalístico. Esta programación na cidade do Mandeo desenvolverase en colaboración con  artistas, creadores e creadoras locais como Pesquedellas, Factoría Nini e Death and Glory. 

Ademais destes xogos florais, tamén se está a traballar -desde á área provincial de Normalización Lingüística, que xestiona a deputada María Muíño- na elaboración de pequenos audiovisuais que abordarán e revisitarán temáticas que o propio Faraldo tratou nos seus artigos xornalísticos e que continúan de actualidade: a liberdade de opinión e de imprenta, o suicidio, o feminismo, a mellora das comunicacións internas na Galiza, e a organización territorial do Estado.

Querida liberdade 

Neste sentido, cómpre lembrar, que xa desde comezos de ano se están a levar a cabo presentacións do libro Querida liberdade. Vida e obra dun precursor do rexurdimento da autoría de Xurxo Martínez e editado pola editorial Alvarellos co apoio da Deputación da Coruña. O volume aborda, por vez primeira dun xeito integral, a vida e a obra de quen Manuel Murguía definiu como «el primero y el mejor», Antolín Faraldo, a voz de toda unha xeración, a alma da revolución de 1846, unha figura case mítica no imaxinario galego e que hoxe aínda segue a ser un gran descoñecido.

Querida Liberdade contén, por unha parte, un amplo estudo introdutorio, a cargo de Xurxo Martínez González, que nos mergulla na época do protagonista época tan apaixonada. Tras este, unha completa antoloxía con corenta e cinco artigos de Antolín Faraldo. 

Faraldo, autor dunha "Constitución Galega" e secretario da Xunta

Antolín Faraldo amparou e aproveitou a rebelión militar progresista do dous de abril de 1846 na Galiza, contra o goberno conservador de Narváez, para promover un poder civil propio do país, arrastrando tras de si centos de estudantes e axudando a instaurar unha Xunta Superior de Goberno Provisional de Galiza, da que foi Secretario con apenas 23 anos. A prensa española daquela altura cualificou, con certo desprezo, as medidas tomadas pola Xunta como "Constitución Gallega". 

comentarios