Especial 'Sermos Galiza' sobre Antolín Faraldo unha achega á vida, ás ideas e á loita do ‘primeiro e o mellor’

O dirixente da revolución galega de 1846 protagoniza o ‘Sermos Galiza’.
martirescarral_
photo_camera Manuel Lugrís Freire intervindo nun acto de homenaxe aos mártires de Carral en 1931 (Foto:RAG)

Sermos Galiza homenaxea este sábado, 3 de setembro, Antolín Faraldo. A publicación que acompaña Nós Diario no número de feche da semana toma forma de monográfico para achegarse á figura do máximo dirixente da revolución galega de 1846. Del dixo Manuel Murguía que era “o primeiro é o mellor”.

O segundo centenario do nacemento de Antolín Faraldo está a motivar diversas actividades na súa lembranza. Neste sentido, sitúanse varios actos de homenaxe promovidos por institucións públicas, onde destaca a Deputación da Coruña, entidades culturais e formacións políticas. Asemade, teñen visto a luz nos últimos meses diversos traballos de investigación, entre eles Querida liberdade, a primeira biografía de Antolín Faraldo, elaborada polo investigador Xurxo Martínez González.

Precisamente, Martínez abre o monográfico de Sermos Galiza sobre Faraldo cun percorrido pola traxectoria vital do dirixente protonacionalista. Nesta dirección, Martínez considera que “Faraldo merece o desagravio e a restitución da súa figura” e lamenta a falla de recoñecemento á súa traxectoria “como se Faraldo fose un segundón na nosa historia nacional”.

O profesor da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e especialista no século XIX Xosé Ramón Veiga Alonso achega neste Sermos Galiza unha investigación sobre o contexto político e social onde se produce a revolución a galega de 1846. Na mesma, significa os obxectivos políticos dos “provincialistas, convencidos de que a construción estatal dos moderados afoga e ao tempo drena cara ao centro as enerxías da periferia, coa definición dun modelo político de costas á pluralidade española e peninsular”.

Influencia do nacente movemento socialista

Os historiadores Dionisio Pereira e Eliseo Fernández analizan a relación de Faraldo coa tradición revolucionaria galega das primeiras décadas do século XIX e reparan na influencia do nacente movemento socialista no seu pensamento. Así, sinalan que “o tronco ideolóxico representando por Faraldo, tivo continuidade na actividade de Ramón de la Sagra ao carón do poeta polaco Adam Mickiewicz defendendo o que despois foi denominado o socialismo das periferias”.

A profesora da Universidade da Coruña Pilar García Negro estuda o pouse deixado por Antolín Faraldo e polos seus compañeiros na seguinte xeración protonacionalista, aquela que tivo en Rosalía de Castro e Manuel Murguía os seus máximos representantes. Nesta liña, considera que “a literatura galega no XIX renace como unha resposta e unha alternativa. Resposta a unha planificada agresión exteRior, española, racista, galegófoba. Alternativa, como necesidade de auto-afirmación".

Pola súa parte, o catedrático emérito da Universidade de Santiago Justo Beramendi debuxa os elementos definitorios do pensamento político de Faraldo. Nesa liña, significa que o dirixente da revolución de 1846 foi “o principal artífice dos elementos fundamentais para o artellamento ideolóxico posterior do rexionalismo galego e tamén do nacionalismo que lle segue".

"Non queremos ser máis que galegos"

Benito Vicceto, colaborador de Faraldo, sinalou que este “na independencia da Galiza, nesa idea agra e sublimemente patriótica, atopaba a súa mente os únicos raios de luz para apostrofar abxección e servidume”; e lembrou que segundo Faraldo, "a rexeneración galaica non podería conseguirse senón pola súa emancipación e ao berro de 'non queremos ser máis que galegos' que lanzou no periódico compostelán El Porvenir, foi o primeiro talento do territorio que ergueu modernamente a bandeira do rexurdimento nacional".

Máis en MEMORIA E HISTORIA
Comentarios