Opinión

Vontade e acción

A editora Alvarellos tira do prelo Querida liberdade. Vida e obra dun precursor do Rexurdimento, libro que aborda a figura de Antolín Faraldo a través dun proveitoso estudo asinado polo investigador Xurxo Martínez González quen, ademais, encárgase da edición e selección de textos do betanceiro e doutros alusivos de Vicetto e Murguía.

O estudo, que conxuga o ton académico co poético e este con comentarios coloquiais que alixeiran o texto, revisa traballos clásicos sobre o provincialista como os de Barreiro Fernández ou Fernández del Riego. Recoñecéndolles o seu valor, o autor cuestiona algunhas das ideas transmitidas: o suposto confusionismo ideolóxico de Faraldo, o seu carácter arroutado, así como o gran tropo que deixaría Murguía sobre un Faraldo que, tras a súa marcha de Galiza, se tería esquecido do país.

O investigador vigués achega evidencias dun Faraldo moi activo e conectado cos principais axentes políticos do seu tempo. Un home novo máis con fortes conviccións liberal-republicanas e cristián-sociais. Faraldo era un polemista ardente arredor de causas como a emancipación da muller, a liberdade de expresión, o dereito a ser dono da propia vida e mostraba un claro compromiso co que Vicetto definirá como "a independencia de Galiza" que continuará, a través da prensa, no seu período andaluz.

Martínez presenta a Faraldo coma un precursor do Rexurdimento, entendendo este coma un movemento non só cultural senón tamén político e social. A este respecto, o nacionalismo galego de Faraldo tería como característica principal prescindir do argumento cultural e basearse en aspectos netamente políticos vencellados á acción. Feito que demostraría coa súa implicación armada na revolución de 1846, preludio daqueloutra francesa de 1848 inmortalizada por Delacroix. 

Da lectura directa de Faraldo sorprende a ausencia de mencións á lingua galega, idioma que na súa época tiña que ser moi maioritario. En parte, se cadra, pola concepción elitista da política da altura, que aínda non recibira o influxo das ideas, en boa medida democratizantes, arredor do Volkgeist, en parte debido ao talante puramente político e centrado na acción do personaxe, o alicerzado do galeguismo de Faraldo descansa, ademais de no historicismo céltico-suevo, na lexitimidade que outorga a pura vontade política de ser. Vontade de ser e praxe, velaí a gran ensinanza de Antolín Faraldo para o presente.

Comentarios