O audiovisual galego madura malia a escasa implicación da Xunta de Galiza

O cinema galega triunfou este ano en Donostia, pero xa triunfara en Cannes, en Locarno, en Berlín e en case todas as citas internacionais de relevo. Mais o audiovisual segue precisando dunha política que marque o rumbo e que evolucione ao ritmo da súa maduración. 
 
María Vázquez en 'Matria' de Álvaro Gago.
photo_camera María Vázquez en 'Matria' de Álvaro Gago.

Nun recente comunicado no que anunciaba o número de producións que participan nos premios Mestre Mateo, a Academia Galega do Audiovisual cualificaba a do 2023 como unha "excelente colleita do audiovisual galego". Entre películas, series, programas, anuncios, documentais, curtas e videoclips foron presentadas á presente edición do premio 173 producións, o que supón un descenso de 21 traballos con respecto ao 2023. 

Malia esa diminución, o acollemento dalgunhas delas ben merece que o ano se defina como extraordinario: a Cuncha de Ouro en San Sebastián para O corno de Jaione Camborda -quizais o maior premio alcanzado por un filme galego-, os Goyas para o filme de animación Unicorn Wars (de Alberto Vázquez) e para o actor Luis Zahera por As bestas (de Rodrigo Sorogoyen), e a excelente recepción en diferentes festivais -desde a Berlinale até Valladolid, pasando por Róterdam e Toronto- e na billeteira de Matria (de Álvaro Gago), Samsara (de Lois Patiño), Sica (de Carla Subirana) ou O soño da sultana (de Isabel Herguera) permiten albiscar unha consolidación do sector e, sobre todo, un excepcional viveiro de talento creativo. 

"Eu creo que existe unha maduración importante do sector", explica Beli Martínez, produtora en Filmika Galaika, "e é lóxico que así sexa. Se cadra, hai que empezar a cambiar a forma de comunicar os logros do cinema galego, abandonar esa retórica da primeira vez que se consegue algo e tomar con máis naturalidade uns éxitos que teñen que ir chegando de acordo con esa maduración. Mais tamén hai que pedirlles ás institucións estean atentas a ese crecemento e que vaian aumentando a atención ao sector en consonancia con ese progreso".

De feito, 2023 tamén foi ano en que se celebrou, por primeira vez, o Foro da Industria Galega do Audiovisual, que reuniu representantes das asociacións do sector audiovisual galego. Naquela reunión, as asociacións decidiron constituír a Mesa do Audiovisual Galego, un órgano que se reunirá periodicamente para compartir reflexións e inquedanzas comúns. No resumo da reunión, ademais de recoñecer "o gran nivel no que se atopa a produción audiovisual realizada por profesionais e empresas galegas, tanto no eido creativo como técnico", enumerábanse unha serie de reflexións que tiñan como obvia destinataria a Xunta de Galiza e que deixaban dexergar as principais carencias que o sector detecta na política cultural do Goberno galego. 

En primeiro lugar, o orzamento: "As cotas de relevancia e impacto socioeconómico que teñen conseguido as producións galegas, xustifican un incremento sostido das partidas destinadas á produción, desenvolvemento de proxectos e promoción do talento nos orzamentos da Xunta", declaraban os compoñente do foro. 

Xosé Barato, da Asociación de Actores e Actrices da Galiza (AAAG), cre que, en xeral, "o orzamento que se debería dedicar á cultura debería ser o equivalente ao seu peso no PIB galego, o que significa que debería ser o triplo do investimento actual". Segundo a Conta Satélite da Cultura, dependente do Instituto Galego de Estatística, a cultura representa até o 2,5 do PIB da Galiza

Filmoteca e TVG

Pero as incomodidades do sector non proceden exclusivamente do aspecto económico. O antigo CGAI -reconvertido agora en Filmoteca de Galiza- sufriu unha redución orzamentaria que o obriga a subsistir cun terzo do diñeiro que tiña hai unha década e que pasou de 14 a 7 traballadores nese tempo, é un dos brancos das críticas dos profesionais do audiovisual. "A Filmoteca transformouse nun espazo onde só se exhiben películas", di Beli Martínez, "e unha institución deste tipo ten que ser moito máis, ten que prestar atención á custodia do patrimonio audiovisual galego e ten que ser un dinamizador do sector. No seu momento foi unha entidade importante, pero foron desmantelándoa e deixándoa sen orzamento e agora mesmo é un barco sen rumbo, malia a valía dos profesionais que traballan nela". 

A dirección da Filmoteca está agora delegada na dirección da Agadic, desde onde non se estabeleceu ningunha nova liña de acción que vaia máis alá dun funcionamento básico. 

O mesmo ocorre coa Televisión de Galiza. "A TVG é fundamental no desenvolvemento de proxectos audiovisuais da Galiza e iso esixe que se actualice un modelo que está totalmente anticuado", escribía en novembro, en Nós Diario, o director Pela del Álamo. "Non ten sentido que proxectos que son apoiados pola Xunta non conten despois cunha participación asegurada  da nosa  televisión pública", engadía o tamén responsábel tamén do festival Curtocircuíto. 

"A TVG aumentou o seu orzamento nos últimos anos pero aínda así non está ao nivel doutros territorios con lingua propia como Euskadi", di Martínez. "Precisamente, este ano aumentou bastante pero non ao ritmo no que aumenta o número de producións".
Barato engade que "a respecto da TVG o que temos que esixir é que se cumpra a lei, tanto no que atinxe aos investimentos en producións externas como no que ten que ver co dereito á información da cidadanía, omitido desde hai demasiado tempo, como poñen de manifesto desde hai anos as traballadoras e traballadores nos Venres Negros". 

Os festivais

Os festivais de cinema, que nos últimos anos funcionaron como motor da produción e como elo que unía a creación galega co público, tamén se converteron nun cabalo de batalla. O Foro do Audiovisual instaba a Xunta da Galiza a apoiar "de forma decidida as iniciativas de exhibición -entre as que destacan os festivais audiovisuais-". 

Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, que agrupa 19 certames, criticaba en setembro o déficit histórico da Xunta no reparto de fondos públicos para o sector, coincidindo coa denuncia de axudas "a dedo" do Goberno galego a certames como o Ourense Film Festival. Talvez a raíz destas denuncias, o Goberno galego decidiu incrementar a partida para os festivais nun 33% respecto aos 225.000 euros consignados en 2023, alcanzando así os 300.000 euros de investimento. A mesma cantidade que se outorgaba hai unha década. 

Comentarios