Os festivais de cinema denuncian o "déficit histórico" nas axudas da Xunta ao sector

A coordinadora Proxecta reclama un incremento dunhas subvencións que "levan anos estancadas".
As salas de cinema son obxecto dunha liña de subvencións. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Sala de cinema. (Foto: Nós Diario)

Proxecta, a Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, que agrupa 19 certames, denunciou esta terza feira o "déficit histórico" da Xunta da Galiza na repartición de fondos públicos para o sector. Unha reivindicación que vén de lonxe e que volveron sacar á palestra após rexistrar a pasada semana no Parlamento o grupo socialista unha iniciativa demandando á Consellaría de Cultura un informe que debullase a repartición de axudas aos festivais audiovisuais, que consideran distribuídas "a dedo".

E Proxecta, que se reuniu nos últimos meses cos tres grupos parlamentarios para abordar a situación do sector, denunciou esta terza feira os "máis de 150.000 euros" que obtivo o Ourense Film Festival en subvencións directas, "case o 70% do que aporta a Xunta para o conxunto dos festivais en concorrencia competitiva". Un procedemento este último cuxas bases recollen que cada festival "só poderá solicitar unha axuda máxima de 45.000 euros", derivando así nun "maior agravio" con este convenio, censuran.

Desde Proxecta reclaman que se poña fin ao que consideran unha "anomalía que atenta contra o principio de igualdade". E "máis aínda", engaden, "cando existe un déficit histórico da Administración galega" cun sector, o dos festivais, que ven "fundamental para o desenvolvemento social e económico e para a cultura do país".

Un sector tamén que en 2022 "percibiu só 3% dos 7,3 millóns de axudas da Xunta ao sector audiovisual". No presente ano, lamentan, recibiron 225.000 euros, "moi por baixo do que se achegaba hai quince anos, 300.000, cun menor número de festivais".

A cantidade achegada pola Xunta é proporcionalmente moi inferior ao que dedican hoxe outras administracións como as deputacións ou mesmo os concellos. E iso malia que só os certames englobados na coordinadora sumaron o ano pasado máis de 150.000 espectadores e xeraron un impacto de máis de 1,7 millóns de euros investidos", proseguen.

O colectivo conclúe demandando que se destine a este sector 10% das axudas directas ao cinema e o audiovisual da Agadic, así como "que se teña en conta o colectivo nas novas accións e investimentos que o Goberno galego realice en materia audiovisual".

Comentarios