O sector da cultura representa até 2,5% do PIB galego e 3% dos empregos

A produción das industrias culturais ascendeu a 2.537 millóns de euros en 2021.
A produción cultural ascendeu a 2.537 millóns de euros. (Foto: MIT Ribadavia)
photo_camera A produción cultural ascendeu a 2.537 millóns de euros. (Foto: MIT Ribadavia)

A Conta Satélite da Cultura, dependente do Instituto Galego de Estatística, fixo públicos esta sexta feira os resultados do ano 2021, dos cales se desprende que o sector da cultura supuxo o 2,5% do Produto Interior Bruto (PIB) da Galiza nese ano, cun volume de traballo equivalente a case 30.170 empregos a tempo completo, o 3% do total do país. 

A produción das industrias culturais ascendeu a 2.537 millóns de euros e os consumos intermedios situáronse nos 943 millóns de euros o que implica que as industrias culturais xeraron un valor engadido próximo aos 1.600 millóns de euros en 2021, o 2,7% do valor engadido bruto xerado na economía galega. 

O sector con maior peso na cultura galega é o das Artes visuais, que achega o 52,5% do valor engadido bruto (VEB) xerado polas industrias culturais. Nesta denominación agrúpanse as artes cuxo elemento diferenciador é o uso na súa forma de expresión de materiais tales como a pintura e a escultura; tamén inclúe a fotografía, a publicidade, a arquitectura e as actividades de deseño especializado. 

Ségueo en importancia o sector dos Libros e prensa, que achega o 16,2% do VEB cultural. A continuación sitúanse o Audiovisual e multimedia (radio, televisión, cine, vídeo e música gravada), co 10,3% do VEB. As actividades relacionadas coa educación cultural e a actividade reguladora da administración pública -agrupadas baixo o epígrafe Interdisciplinar- representan o 8,5%. Finalmente, cun peso similar sitúanse o sector Artes escénicas e o que agrupa o Patrimonio artístico e monumental, arquivos e bibliotecas. 

Emprego 

A remuneración de asalariados situouse nos 699 millóns de euros, o que supón o 2,4% da remuneración total da economía galega. O volume de traballo das industrias culturais ascende a 30.169 postos de traballo equivalentes a tempo completo, dos que o 83,2% era emprego asalariado e o 16,8% restante, emprego autónomo. En total, a cultura ocupa ao 3% dos traballadores e das traballadoras. 

En termos de emprego, a distribución por sectores é moi similar á presentada para o VEB. O sector das artes visuais supera os 11.000 postos de traballo, seguido do sector dos libros e da prensa (7.056 postos de traballo). Os dous sectores concentran máis do 60% do emprego no sector cultural.  

Comentarios