Cinema

Lois Patiño toma as salas de cinema de todo o Estado con 'Samsara'

Cunha espectacular fotografía de Mauro Herce e Jessica Sarah Rinland, Samsara é unha proposta dunha ousadía sen precedentes nas salas comerciais deste país, propoñendo ao espectador o reto de percibir un fragmento da película cos ollos pechados, para converter a sala nun espazo de meditación colectiva. A súa audacia valeulle o Premio Especial do Xurado Encounters na pasada edición da Berlinale.

Un fotograma de 'Samsara', de Lois Patiño.
Un fotograma de 'Samsara', de Lois Patiño.

Hoxe estréase nas salas de cinema Samsara, a nova película de Lois Patiño (Lúa Vermella; Costa da Morte). O filme tivo a súa estrea mundial no Festival de Berlín, onde recibiu o Premio Especial do Xurado na Sección Encounters. A súa estrea estatal tivo lugar na Semana Internacional de Cine de Valladolid-SEMINCI, dentro da Sección Oficial. 

Samsara conta cun guión de Lois Patiño e Garbiñe Ortega. A historia transcorre en Laos (Asia) e Tanzania (África), afastándose así da Galiza natal que o director capturou nas súas primeiras obras. A película é unha produción de Señor & Señora e conta co apoio de ICAA e Jeonju Cinema Project. 

En palabras do director: "Samsara afonda nalgunhas constantes que fun explorando na miña obra: a reflexión sobre a relación entre o ser humano e a paisaxe, un interese antropolóxico centrado especialmente no mítico e espiritual ou no vontade de levar ao espectador a unha experiencia íntima e meditativa". 

Na preestrea que tivo lugar o pasado día 15, nos cines Numax de Santiago de Compostela, Patiño sinalou que “levaba tempo reflexionando sobre como mostrar o invisible na pantalla. E pensei nunha película para ver, en parte, cos ollos pechados. Coñecín O libro tibetano dos mortos, debido ao meu interese pola representación do espectral, e o proxecto comezou a tomar forma, pareceume a plataforma perfecta para inicialo".

Samsara é a obra máis narrativa do director, mais ao mesmo tempo, invita á colaboración activa do público para sumarse a unha viaxe reencarnadora que comeza nun templo de Laos e remata en Zanzíbar, na relación entre unha nena e unha cabra. 

"Quería xogar cun contraste moi forte, tanto a nivel de paisaxe como de crenzas e relixións. Cando me invitaron a dar un taller de videoarte en Tanzania descubrín, na illa de Zanzíbar, as granxas de algas, onde traballan as mulleres locais, e pareceume un lugar idóneo para xerar contrastes coa primeira metade, tamén entre unha prte moi masculina e outra moi feminina".  

Comentarios