Doce obras condensan a historia do teatro desde os anos 60 até hoxe

Unha antoloxía achega a dramaturxia galega das últimas décadas a Portugal

A cidade portuguesa de Coímbra acolleu a presentación de 'Antología de Teatro Galego Contemporâneo' que recolle unha ducia de obras representativas da dramaturxia galega das últimas décadas. A obra nace xa como unha peza maior do diálogo entre os teatros galego e portugués e presentarase na Galiza en outubro.
Zé Paredes, Vanesa Sotelo, Mónica Camaño e Sofía Lobo na lectura de textos posterior á presentación.
photo_camera Zé Paredes, Vanesa Sotelo, Mónica Camaño e Sofía Lobo na lectura de textos posterior á presentación.

Un acontecemento editorial. Así se describía este pasado sábado en Coímbra a publicación da Antologia de Teatro Galego Contemporâneo, editada por Cena Lusófona–Associação Portuguesa para o Intercâmbio Teatral e que se presentaba na Sala Jorge Pais de Sousa do Centro de Documentación da Cena Lusófona. Dous volumes que suman case dúas mil páxinas con doce pezas teatrais galegas en versión bilingüe e que se enmarcan na colección de teatro de lingua portuguesa “Cena Lusófona”, que inclúe obras de autoras e autores de Angola, o Brasil, Cabo Verde, Guiné-Bissau, Mozambique, Portugal e São Tomé e Príncipe. 

Un hotel de primeira sobre o río, de Xohana Torres; O aniversário. Cerimonia de laios e salaios, de Euloxio R. Ruibal; Dias sen gloria, de Roberto Vidal Bolaño; Cando chega decembro, de Manuel Lourenzo; As certezas de Ofelia, de Luísa Villalta; Lugar, de Raúl Dans; Footing, de Gustavo Pernas Cora; As do Peixe, de Cándido Pazó; Xudite, de Marcos Abalde Covelo; Voaxa e carmín, de Esther F. Carrodeguas; Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo; e Ás sete da tarde, cando morren as nais, de AveLina Pérez, son as doce obras que conforman unha escolma do teatro feito entre o último terzo do século XX e a actualidade. Con traducións de Zé Paredes e Sofía Lobo e cun ensaio introdutorio escrito pola profesora Dolores Vilavedra, a obra editada por Cena Lusófona é, sen dúbida, o maior esforzo editorial feito até o de agora para achegar a creación dramática galega ao público de lingua portuguesa. 

"Como todas as escollas, foi difícil elixir as obras que finalmente van na antoloxía", explica Pedro Rodrigues, da Cena Lusófona en conversa con Nós Diario. "Sempre hai autores que quedan fóra e que poderían estar incluídos na escolma. Pola nosa parte, non hai ningunha pretensión de escoller as mellores obras, senón unha mostra representativa do teatro galego dese período. Por iso, coa axuda de tres consultoras ás que chamamos para colaborar na escolla -Dolores Vilavedra, Inma López Silva e Ánxeles Cuña- fixemos unha elección de autores e autoras representativos de até catro xeracións diferentes: desde Xohana Torres, Euloxio Ruibal ou Manuel Lourenzo até Marcos Abalde e Avelina Pérez". 

A profesora Dolores Vilavedra pon en valor esta aposta pola contemporaneidade. "Neste tipo de obras sempre existe unha tendencia historicista, polo que esta vontade de darlle protagonismo ás voces contemporáneas -co risco que implica facer escollas que poidan ser discutidas ou que levanten suspicacias entre as persoas que quedan fóra- é un mérito a valorar".

 

Chegar á escena 

Cena Lusófona naceu en 1995 co obxectivo de promover o intercambio teatral entre os países de lingua portuguesa e desde moi cedo quixo integrar á Galiza no seu campo de acción. "Desde comezos dos anos 2000 comezamos a convidar artistas da Galiza para participaren nas actividades que organizabamos: festivais, cursos de formación...", relata Rodrigues. "Levamos anos tratando de afondar nesa relación coa Galiza e esta publicación é un paso máis nesa aproximación. Era un proxecto que sabiamos que ía ser complexo e que durante moito tempo non foi máis que un soño. Mais finalmente conseguimos os apoios e os medios para levalo a cabo". 

Dolores Vilavedra destaca o "enorme compromiso de Cena Lusófona co proxecto, malia a escasa receptividade institucional que tivo na Galiza. E hai que lembrar que esta publicación forma parte dun camiño que esta entidade vén percorrendo desde hai moito tempo: o número que a revista que editan, Setepalcos, lle dedicou ao teatro galego xa en 2003, os numerosos encontros que organizou... Isto non se improvisa". Vilavedra insiste tamén no coidado con que está editados os dous volumes da Antología: "Desde o proceso de escolla até o da edición, pasando polas sucesivas revisións, todo foi elaborado con moitísimo esmero". 

Despois da presentación en Coímbra deste sábado, a obra vai ser presentada noutras cidades de Portugal para, en outubro, presentarse nalgunhas cidades da Galiza. "Estamos moi contentos co resultado e temos moitas expectativas. Agora traballamos para axendar coas entidades que nos apoiaron un conxunto de presentacións  principais cidades galegas e temos moita curiosidade por saber como vai ser acollida alí esta antoloxía". 

Por outro lado, o traballo dunha edición teatral non remata coa publicación dunha obra. "Sabemos xa que algunha compañías portuguesas, a propósito destas traducións que fixemos para o libro, están interesadas en montar espectáculos con algunha destas pezas, e iso para nós é un motivo de gran satisfacción, porque a fin de contas, a publicación de textos teatrais sempre ten ese fin último: divulgar a dramaturxia e que os textos poidan ser postos en escena", sinala Rodrigues. "Se podemos contribuír a que estas pezas de teatro galego se podan ver en escena, quer en Portugal, quer en calquera outro país de lingua portuguesa, será para nós un motivo de grande alegría". 

Comentarios