Vanesa Sotelo: "Vivimos cunha inestabilidade permanente e coa necesidade de crear redes e xerar alianzas"

Europa entre 4 paredes é un proxecto teatral impulsado por Ricardo Correia a través da Casa da Esquina - Associação Cultural de Coimbra que conta coa participación de 4 dramaturgas de diferentes países de Europa, entre as que se atopa Vanesa Sotelo. Co obxectivo de dar continuidade á iniciativa, a Asociación Cultural A Turbina levou a cabo a presentación da lectura dramatizada na Biblioteca Ánxel Casal, na que Sotelo exerce como directora do espectáculo.
Vanesa Sotelo 2
photo_camera O texto de Sotelo 'Nome: Bonita' foi escollido en 2018 mellor peza teatral en galego da década. (Foto: Nando Iglesias)

Como xorde esta iniciativa?

É un proxecto de dramaturxia contemporánea que nace o ano pasado a convite do dramaturgo portugués Ricardo Correia. 

Correia é unha persoa que traballa o teatro do momento e que está  moi interesado na relación entre o real e a ficción. Convidounos a outras catro dramaturgas europeas a crear un texto cunha serie de premisas para o mesmo: que fose breve, sobre Europa e para tres intérpretes, partindo do que viamos a través da xanela nese tempo de confinamento. 

Cada unha elaborou a súa peza e construíuse así unha ollada poliédrica sobre Europa dende diferentes perspectivas e ámbitos. Foron presentadas en Coimbra no mes de xullo e desde a Asociación Cultural A Turbina queriamos desenvolver un proxecto así. 

Presentamos entón a posibilidade de darlle continuidade coa tradución ao galego desas pezas, como unha fase máis da iniciativa. 

Que obxectivos persegue?

A idea sempre é difundir a dramaturxia contemporánea e aquí, sobre todo, dar a coñecer esta iniciativa que naceu en Portugal. Ampliar eses límites e contribuír a tecer estas redes que se producen dende a dramaturxia, incluíndo tamén as tradutoras. É un modo de darlle continuidade e que non morra unicamente con esa escrita individual, podendo mostrar así esa diversidade e os lugares comúns e compartidos. E por suposto, contribuír a facer memoria dese período de confinamento, que semella que quedou atrás pero dalgún modo aínda seguimos nel.

Sobre que versa a súa peza, titulada 'Idus'?

O nome vén desa cita dos “idus de marzo”, da advertencia que lle trasladan a Xulio César de que hai que gardarse dos “idus de marzo”, que ao final foi onde Xulio César foi asasinado e como comezou o estado de alarma. Semellaba que non ía acontecer nada e de repente mudou a nosa forma de relacionarnos co exterior e co mundo. É un pouco tamén o que aconteceu no Estado español, persoas de idade que  morreron soas nas residencias. O texto pon de manifesto a importancia de non deixar que ningunha persoa faleza en soidade.

Articúlase a redor de tres personaxes, que son dúas veciñas: unha enfermeira confinada e unha muller de 85 anos que acolle na súa casa unha persoa que o necesita. Xérase entón o conflito entre o sacrificio individual e a solidariedade. Lémbranos a súa importancia, mais tamén denuncia os recortes na sanidade pública e aborda a cuestión das persoas sen teito.

No 2018, 'Nome: Bonita' foi escollida mellor peza teatral en galego da década polo premio Mondoñedo 10.

Si. É un texto que recentemente puiden compartir en Coimbra, pero dentro doutro ámbito. Se vai todo ben, no 2022 aparecerá publicado en galego e portugués nunha antoloxía de dramaturxia galega. É unha peza que me ten dado moitas alegrías, pero que aínda non puidemos levar á escena. Agardemos que nun futuro se poida materializar.

Cal cre que é a situación da escena teatral galega actual?

Coma sempre, en alerta e con resistencia. No último ano, onde presentei diferentes proxectos, sobre todo coa compañía Incendiaria, vemos que hai moita necesidade de asistir ao teatro, entusiasmo por parte do público. Vivimos coa inestabilidade permanente, é a nosa gran loita, e tamén coa necesidade de crear redes e de xerar alianzas fortes para reforzar ese traballo tan precario e que tanta forza de vontade require. Deixando esa parte que require máis esforzo, achegarse ao público e como o público se achega aos teatros é irrenunciable. O teatro sempre é un espazo para o debate, para o intercambio, para pensarse e para non perderse.

Comentarios