O teatro portugués homenaxea Roberto Vidal Bolaño

Do 5 ao 24 de maio Saxo Tenor chega ao Teatro Nacional Dona María II de Lisboa para ser representada pola compañía pública portuguesa mentres o día 13 Fafe réndelle homenaxe a Vidal Bolaño coa representación de Laudamuco, Senhor de Nenhures. 

laudamuco
photo_camera laudamuco

Como “um eminente encenador e ator da Galiza, pioneiro do teatro profissional galego” e “herdeiro legítimo de Ramón Maria del Valle Inclán”, definen na compañía pública portuguesa Roberto Vidal Bolaño, nunha presentación de cara á estrea o vindeiro día 5 no Teatro Nacional Dona María II de Lisboa da súa emblemática obra Saxo Tenor que se representará no céntrico teatro lisboeta até o día 24 de maio. 

En Fafe, pola súa parte, queren homenaxear a Vidal Bolaño levando a escena de novo Laudamuco, Senhor de Nenhures que se estreará o vindeiro día 13 de maio, unha obra que se representada xa en Portugal hai trinta anos. 

A nova montaxe de Saxo Tenor estréase en Lisboa e estará a fins de mes en Compostela. A dirección corre a cargo de José Martins que, canda o director do CDG, Manuel Guede se encargan da adaptación do texto. João Grosso, José Neves, Manuel Coelho, Maria Amélia Matta, Lúcia Maria, Paula Mora, Bernardo Chatillon, Luís Geraldo, Jorge Albuquerque, Joana Cotrim, Lita Pedreira, Maria Jorge e Rita Figueiredo compoñen o equipo artístico da obra. 

Saxo Tenor, Prémio Álvaro Cunqueiro en 1991, foi estreada pola compañía de Vidal Bolaño, Teatro do Aquí, en 1983, dirixida polo propio autor e represntada por Xosé Manuel Olveira “Pico”, Elina Luaces, Laura Ponte, Susana Dans, Morris, María Bouzas, Rodrigo Roel, Vicente Montoto, César Goldi, Kukas, Luís Zahera, Pilar Pereira, Antonio Simón, e Bernardo Martínez. 

"Laudamuco para “despertar nos mais novos a reflexão sobre a história e a atualidade, passado e presente”

Homenaxe en Fafe

Mais Lisboa non é a única que este mes de maio leva á escena Vidal Bolaño. Laudamuco, Senhor de Nenhures chegará ao teatro-cinema de Fafe o vindeiro 13 de maio como unha “homenagem da plataforma Fafe Cidade das Artes ao autor galego Vidal Bolaño, um dos mais importantes autores do teatro contemporâneo galego”. Actores como Pedro Giestas, João Guisande e Regiane Nogarolli participan nesta nova montaxe da obra producida pola plataforma artística e cultural Fafe Cidade das Artes que volve aos escenarios co obxectivo de “despertar nos mais novos a reflexão sobre a história e a atualidade, passado e presente”.A dirección da obra corre a cargo de Moncho Rodríguez. 

Conmemoración cunha lectura colectiva da obra

Laudamuco, Señor de Ningures é considerada a primeira función do teatro profesional galego. Teatro Antroido estreaba a obra o 16 de maio de 1978 e, con este motivo, varias entidades conmemorarán a data cunha lectura colectiva da obra do autor o vindeiro 16 de maio diante da súa estatua na Carballeira de Santa Minia, en Brión. A Casa da Cultura acollerá a representación de “Novo de Parmuide”. 

Comentarios