Galiza Cultura edita a obra teatral completa de Manuel Lourenzo

A Federación Galiza Cultura presentou a edición e publicación das 300 pezas teatrais que conforman toda a produción do dramaturgo. 60% das que agora se editan son textos inéditos do autor
Xosé Manuel Carril, Manuel Lourenzo e Xosé Regueiro (Foto: Nós Diario)
photo_camera Xosé Manuel Carril, Manuel Lourenzo e Xosé Regueira (Foto: Nós Diario)

A biblioteca provincial da Coruña acolleu esta quinta feira a presentación dos catro primeiros volumes que recollen a obra completa de Manuel Lourenzo e na que participaron, ademais do propio dramaturgo, o vicepresidente da Deputación, Xosé Regueira, e o presidente da Federación Galiza Cultura, Xosé Manuel Carril.

A edición e publicación das 300 pezas teatrais que conforman a obra de Lourenzo rematará a mediados de xuño nun total de sete volumes, editados e publicados pola Federación Galiza Cultura cunha subvención da área provincial de Cultura.

Un traballo que compila "a obra dun dos imprescindíbeis do teatro galego" en palabras de Regueira, quen indicou que "se trata dun proxecto que, ademais de ser fermoso, é tamén necesario para a cultura e para o país".

50 anos de produción teatral en catro volumes

Os catro volumes que xa están editados recollen perto de 50 anos da produción teatral de Manuel Lourenzo. O primeiro volume abrangue a dramaturxia comprendida entre 1960 e 1982, o segundo vai de 1983 até 1996, o terceiro de 1997 ata 2006, e o cuarto de 2007 até 2009.

Manuel Lourenzo aproveitou a presentación para agradecer o esforzo de todas as persoas que se implicaron na recuperación e organización de todas as súas pezas teatrais, de diferente extensión e tipoloxía, e que supuxo moito esforzo.

Pola súa banda, Xosé Manuel Carril explicou que un 60% das pezas que se editan agora son traballos inéditos e fixo fincapé en que este proxecto está orientado a divulgar a obra "do dramaturgo máis prolífico do país" para facela accesíbel a todo tipo de públicos mais, especialmente, para compañías teatrais profesionais, grupos de teatro amadores e disciplinas relacionadas coas artes escénicas. "Grazas a Manuel Lourenzo hai teatro galego e hai teatro para Galiza" asegurou na súa intervención no acto. 

Tres anos de traballo para unha publicación "digna"

Esta edición que agora se publica é o resultado, segundo indican, de tres anos de traballo, con implicación de distintas persoas. Desde Galiza Cultura apuntan que, ademais da participación do propio autor na súa realización, a edición literaria realizouna Cilha Lourenço Módia. A maiores sinalan o “esforzo” por parte da Federación na procura dos medios económicos “para facer posíbel esta edición, mais tamén para facer que esta edición tivese unha presentación digna”.

Comentarios