Galaxia anuncia unha nova colección dedicada ao teatro

A literatura dramática deixa as táboas para asomar aos andeis das librarías

Nos últimos anos, son varias as editoriais galegas que abren espazos para ocuparse dos textos escritos para o teatro. Tradicionalmente esquecida, a literatura dramática comeza a abrirse un discreto oco nos catálogos das editoras galegas, aínda que a súa aceptación por parte do público lector segue estando 
en cuestión.
'Os fillos do sol', de Cándido Pazó, será publicada proximamente na nova colección de teatro de Galaxia. (Foto: Cristina Becerra) #teatro #cándidopazó #osfillosdosol #galaxia
photo_camera 'Os fillos do sol', de Cándido Pazó, será publicada proximamente na nova colección de teatro de Galaxia. (Foto: Cristina Becerra)

Durante anos, foi case un imperativo repetir o mantra de que o teatro tamén se le: unha resposta, máis voluntarista que funcional, a unhas prácticas editoriais que apenas se facían eco da obra dos autores contemporáneos. Aínda agora, non resulta fácil atopar nas librarías os textos de autores e autoras que reciben premios ou que obteñen o beneplácito do público e da crítica sobre as táboas. 

Porén, algo semella estar cambiando e, se ben estamos moi lonxe de falar dun boom editorial, si que se pode percibir unha maior atención das editoras á literatura dramática. 

Esta semana, sen ir máis lonxe, Galaxia vén de anunciar o lanzamento dunha nova colección dedicada ao teatro, que se abre con Papiroflexia, de Fernando Castro Paredes e que continuará en breve con Os fillos do sol, de Cándido Pazó, unha obra que reimaxina os últimos anos de Eduardo Pondal.
Francisco Castro, director de Galaxia, afirma que a editorial leva uns anos dando pasos para incorporar a literatura dramática ao corpus da editorial: "Hai anos que estamos incluíndo obras teatrais para a infancia e a mocidade nas coleccións Árbore e Costa Oeste. En 2018 creamos o Premio Vidal Bolaño para obras dramáticas dirixidas ao alumnado de ESO e Bacharelato. O paso seguinte tiña que ser integrar o teatro para adultos, que é o público ao que se dirixen as obras que editaremos nesta nova colección".

Xerais vén de publicar As desterradas, de Carme Varela, obra gañadora do Premio Álvaro Cunqueiro, na súa Biblioteca Dramática Galega, unha das coleccións de textos dramáticos máis veterana. Mais Fran Alonso, director da editorial, cre que hai outros camiños ademais do das coleccións específicas. "Nós levamos un tempo introducindo textos teatrais en coleccións de literatura infantil, tratando de escapar dese peso excesivo que ten a narrativa cando falamos de libros para crianzas. E quizais desde aí podemos sensibilizar sobre a necesidade de atender a xéneros como o teatro. En ocasións, con moito éxito: textos como os de Paula Carballeira ou Carlos Labraña gozan dun suceso que non ten nada que envexar ao de moitas obras narrativas". 

Xosé Ballesteros, director de Kalandraka -que iniciou unha colección teatral en 2017-, sinala outra necesidade: a de editar os textos para fixar o repertorio contemporáneo. "Nós iniciamos a nosa colección de teatro cando lle outorgaron o Premio Nacional de Teatro a Chévere, pensando que era preciso que obras tan clásicas da nosa dramaturxia como Río Bravo, ou tan imprescindíbeis como Citizen, estivesen ao alcance do público lector. O teatro, desde o punto de vista editorial, sempre foi un xénero moi maltratado, e é preciso devolverlle a dignidade ao xénero. E se podemos, debemos facelo, aínda que as vendas non sexan excesivamente boas". 

Buscar o público

Precisamente parecen ser as vendas as que limitan o potencial comercial dos textos teatrais. É habitual que se repita que o teatro é "difícil de ler", que a literatura dramática non goza do favor do público e que, daquela, as editoriais prefiren non arriscarse cun xénero que vende pouco. Mais Francisco Castro cre que se trata dun prexuízo: "Tamén se adoita dicir iso da poesía, mais nós temos coleccións de poesía como Dombate na que publicamos dez ou doce títulos ao ano e temos que reimprimir moitos deles. É un bucle que hai que romper: véndese pouco porque se publica pouco, e iso leva a que as vendas sexan escasas. Se damos o paso e publicamos máis autoras e textos, o xénero irá atopando o seu público de forma natural". 

Alonso cre que o feito de que o teatro teña como último destino a representación é algo que pode pesar nas escollas do público, mais que existen obras que poden rachar con esa predisposición: "A obra que acabamos de publicar, As desterradas, ten un desenvolvemento dramático moi fácil de seguir para un lector de narrativa. E o mesmo sucede con outras obras que editamos hai anos e que desde entón non deixan de reimprimirse, como por exemplo Limpeza de sangue, de Rubén Ruibal. Cada texto ten que buscar o seu público e é necesario subliñar que non todas as obras de teatro son iguais, do mesmo xeito que non o son todas as novelas". 

Sobre a nova atención dedicada aos textos dramáticos, Castro cre que "a edición galega está agora nun estado de normalización moi avanzado e é lóxico que comece a abrir camiños que ata o de agora eran máis difíciles de abordar". 

Fran Alonso, apunta nesa mesma dirección: "Non sei se se pode dicir que a normalización da industria editorial é completa -gustaríame pensar que é así- pero o que si que é certo é que cada vez xorden máis proxectos editoriais que van completando ese pequeno microcosmos que é a edición, e que iso permite absorber e potenciar mellor todo tipo de xéneros e de contidos". 

Ballesteros, porén, cre que o que ocorre é que "a evolución das técnicas de impresión permite facer tiradas máis pequenas sen demasiado custo e iso posibilita acometer a edición de títulos que previsibelmente se venderán pouco. Mais a edición galega segue nun estado moi precario. Existe máis variedade, e iso pode levar a unha percepción equivocada da realidade: cada vez hai menos lectores e lectoras en galego, porque cada vez o uso da lingua é menor.

Os números seguen sendo os que son, e todos os informes din que diminúe tanto o público lector coma o número de títulos publicados na nosa lingua".

Premios e clásicos contemporáneos

Edicións Positivas vén de publicar A vinganza de Fortinbrás, de Francisco A. Vidal, gañador do Premio Laudamuco para Textos Teatrais. É un outro título que se engade a un catálogo cada vez máis numeroso de literatura dramática e que inclúe as coleccións 'O Papel do Teatro', que edita os textos das montaxes postas en escena polo Centro Dramático Galego; 'DiTeatro', unha serie máis aberta na que teñen cabida desde clásicos como Ibsen ou Valle até dramaturgas novas como Paula Carballeira ou Esther F. Carrodeguas; e unha Biblioteca Roberto Vidal Bolaño na que editou a obra completa do imprescindíbel autor compostelán en catro volumes, así como varios títulos soltos da súa produción.

Comentarios