Imprimir

O comité de Alcoa prepara unha manifestación o día 24 en Lugo

Redacción | 15 de outubro de 2020

Manifestación dos traballadores da Xunta en San Caetano (Foto: Nós Diario).
Manifestación dos traballadores da Xunta en San Caetano (Foto: Nós Diario).
Os traballadores aproveitarán a manifestación de Lugo para presentar na Subdelegación do Goberno español un escrito instando á intervención da planta de Cervo.

Pasan os días e medra a incerteza sobre o futuro dos traballadores de Alcoa en Cervo. Lonxe de agardar cos brazos cruzados a que a multinacional norteamericana execute as súas ameazas, o comité de empresa de Alcoa San Cibrao vén de convocar unha "gran manifestación" para o vindeiro sábado 24 de outubro en Lugo, onde rexistrará unha solicitude dirixida ao Goberno estatal para a intervención pública "temporal" da planta.

Baixo o lema das súas últimas mobilizacións, 'A Mariña sálvase loitando', o comité de empresa anunciou esta nova marcha, que transcorrerá desde o edificio da Xunta até a Subdelegación do Goberno. Alí será onde entregue un escrito dirixido ao Executivo español para que materialice dita intervención da factoría, na que a multinacional prevé aplicar un despedimento colectivo para 524 traballadores.

De momento, nin a Xunta nin o Goberno español decidiron dar pasos firmes nesta liña, unha posibilidade que garantiría a continuidade da actividade e do emprego na planta de aluminio primario de Cervo. O Executivo galego xa dixo que prefería esgotar antes todas as alternativas posíbeis, entre elas a de impugnar o ERTE, unha tarefa que, ao final, lle encomendou aos propios traballadores.

Pola súa banda, desde Industria, o seu director xeral, Raül Blanco, aseguraba estes días que o Goberno español xa "intervira" cando propuxo á multinacional adquirir a planta de aluminio primario a través da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI).

Namentres, os traballadores non ceden na súa loita. Onte mesmo, os seus representantes reuníronse coa Inspección de Traballo para abordar o expediente de regulación de emprego (ERE), que aspiran paralizar coa presentación antes de que remate esta semana dunha medida cautelar ante o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG).

Podes ver este artigo na próxima dirección /articulo/traballo/comite-alcoa-prepara-manifestacion-dia-24-lugo/20201015185804107008.html


© 2020 Nós Diario