BNG reclama no Congreso o respecto dos dereitos lingüísticos nas Comisarías da Policía

Após drse a coñecer o caso da cidadá que estivo 3 horas na Comisaría de Vigo para poder presentar unha denuncia en galego.
comisaria
photo_camera Comisaría de Vigo.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, propón a formación lingüística dos axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado destinados na Galiza co obxectivo de garantir os dereitos lingüísticos da cidadanía.

Así mesmo, instou o Executivo a actualizar os programas e plataformas de tramitación de denuncias e formularios para que estean dispoñíbeis en calquera das linguas oficiais do Estado español e mesmo que os axentes destinados ofrezan esa posibilidade á cidadanía.

Despois de coñecer o caso dunha cidadá na Comisaría da Policía Nacional en Vigo, a formación nacionalista presentou no Congreso unha proposta para que se respecten os dereitos lingüísticos da cidadanía galega e do resto de territorios que teñen unha lingua propia. Neste sentido, a formación nacionalista lembra que a lexislación vixente ampara a cidadanía en cuestións lingüísticas: do Estatuto de Autonomía da Galiza até a Carta Europea das Linguas asinada polo Estado español.

O BNG solicitou ao Ministerio de Interior, do que dependen as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, que envíe as instrucións precisas para que as e os axentes destinados en territorios con varias linguas oficiais ofrezan a posibilidade de realizar os trámites que deban cursarse en dependencias policiais na lingua da súa elección.

Así mesmo, o deputado do BNG instou a actualizar os programas e plataformas empregados para que "todos os trámites e formularios poidan estar dispoñíbeis en calquera das linguas oficiais", dando as instrucións necesarias aos mandos para promoveren o uso das linguas oficiais distintas do español.

Comentarios