O soldo anual galego é 2.500 euros inferior á media estatal

As nóminas medias non chegan a 22.000 euros na Galiza.
Un traballador recolle o lixo das rúas de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)
photo_camera Un traballador recolle o lixo das rúas de Santiago de Compostela. (Foto: Arxina)

O salario bruto anual alcanzou os 21.856,41 euros en 2021 na Galiza, o que supón un aumento de 4,7% en comparación con 2020 e 73,21% do custo total por persoa traballadora, segundo os resultados da Enquisa Anual de Custo Laboral, publicada esta quinta feira polo Instituto Estatal de Estatística (INE).

Así, o salario bruto anual na Galiza en 2021 e a súa taxa de aumento situáronse por baixo da media estatal, que alcanzou os 24.248,78 euros o ano pasado, 6,2% máis que en 2020 (3,4% se se comparase con 2019, último ano antes da pandemia) e 73,7% do custo total por traballador, que foi de 32.906,63 euros.

Alén de Extremadura e Canarias, únicos dous territorios do Estado español onde as retribucións brutas anuais non chegan aos 20.000 euros, a Galiza situase á cola con respecto aos salarios percibidos polas persoas traballadoras ao estar no conxunto de territorios onde a percepción económica bruta anual non supera a barreira dos 22.000 euros. 

Unha situación que tamén se dá en Andalucía,  Baleares, Castela e León, Castela A Mancha, Comunitat Valenciana, Murcia e A Rioxa. Pola contra, á cabeza destas retribucións atópase Madrid, onde as persoas traballadoras percibiron en 2021 un salario bruto anual de 29.333,42 euros.

O INE explicou nun comunicado que os datos de 2021 "están distorsionados" polas medidas de apoio ao persoal laboral e as empresas que seguiron vixentes ao longo do ano pasado, tras a pandemia, aínda que con menos incidencia que en 2020.

Así, as persoas traballadoras acollidas a Expedientes de Regulación Temporal de Emprego seguiron pertencendo aos cadros das empresas, pero non foron remunerados con salarios, senón con prestacións achegadas directamente polo Servizo Público de Emprego Estatal e, nalgúns casos, complementadas polas propias empresas.

Composición do custe neto do emprego

Entre outros datos, o custo bruto por persoa traballadora en 2021 situouse na Galiza nos 29.854,16 euros, dos cales 21.856,41 euros foron soldos e salarios; 7.185,69 euros foron cotizacións obrigatorias; 101,60 euros foron cotizacións voluntarias; 268,59 euros foron prestacións sociais directas; 441,87 euros foron outros gastos e 211,31 euros foron subvencións e deducións, polo que o custo neto situouse nos 29.642,85 euros, 4,1% máis.

Comentarios