O salario medio anual na Galiza, máis de 2.000 euros por debaixo da media estatal

O estudo do INE mostra unha acusada diferenza na Galiza entre o salario medio dos homes, con 25.276 euros, e o das mulleres, 20.446,5 euros, o que supón 4.830 euros menos.
Os salarios da mocidade seguen a estar polo baixo. (Foto: M. Arrazola)
photo_camera Os salarios da mocidade seguen a estar polo baixo. (Foto: M. Arrazola)

O salario medio anual na Galiza ascendeu a 22.834,7 euros en 2020. Esta cantidade sitúa o país na parte baixa da clasificación estatal, xa que son 2.330,8 euros menos que a media do Estado español, situada en 25.165,5 euros.

Así figura na Enquisa Anual de Estrutura Salarial correspondente a 2020 que publica o Instituto Nacional de Estatística (INE) esta cuarta feira.

No estudo obsérvase que a ganancia media por traballador aumentou en 657,3 euros (+3%) na Galiza, menos que os 769,5 euros (+3,2%) de avance medio do conxunto do Estado.

Pola súa parte, existe unha acusada diferenza na Galiza entre o salario medio dos homes, con 25.276 euros, e o das mulleres, 20.446,5 euros, o que supón 4.830 euros menos.

O salario feminino corresponde a 80,9% do masculino no noso país, taxa inferior a 81,3% que se rexistra no Estado español, onde o salario medio para os homes foi de 27.642,5 euros, mentres que para as mulleres foi de 22.467,5 euros.

Outros datos

Por sector de actividade, a ganancia media maior rexistrouse na industria (25.445 euros). Os de menores ingresos foron a construción (22.314 euros) e os servizos (22.240 euros).

O salario medio de contratos indefinidos no noso país situouse en 24.079,83 euros, superior en máis de 6.000 euros aos temporais (17.937 euros).

O estudo tamén mostra que a maior idade, maior ganancia media, cos menores de 25 anos con soldos que se sitúan por baixo dos 11.500 euros, mentres que os maiores de 55 anos están por enriba dos 26.000 euros.

O salario por hora na Galiza en 2020 foi de 14,5 euros, euro e medio por debaixo dos 16,15 euros da media estatal.

Comentarios