O paro descendeu na Galiza en maio 2,98%: houbo 146.120 persoas paradas

En maio deste ano, rexistráronse 69.557 novos contratos, 5.261 máis que en abril e 3.024 máis que en maio de 2021.
Variación interanual do paro en maio de 2022. (Gráfico: Ministerio de Traballo)
photo_camera Variación interanual do paro en maio de 2022. (Gráfico: Ministerio de Traballo)

O Ministerio de Traballo vén de facer públicos os datos de persoas paradas e afiliadas á Seguridade Social no mes de maio, que deixa como dato máis reseñábel que na Galiza houbo no mes de maio 146.120 persoas paradas, 4.482 menos que no mes de abril (-2,98%) e 19.186 menos que en maio de 2021.

Este dato supón que o noso país tivo unha variación negativa de 11,6% con respecto ao mesmo mes do ano pasado. Desta maneira, a Galiza estivo á cola no descenso do paro rexistrado, só por diante de Euskadi (-7,6%) e Melilla (-6,7%).

Do outro extremo atópase Baleares (-52%), Canarias (-30,2%) e Catalunya (.27,8%) como autonomías nas que se rexistrou unha maior variación interanual negativa no paro rexistrado.

En maio deste ano, rexistráronse 69.557 novos contratos, 5.261 máis que en abril e 3.024 máis que en maio de 2021.

Tipo de contratos e prestacións

Destes 69.557 contratos, 26.407 foron de carácter indefinido, mentres que os 43.150 restantes foron temporais.

En canto ás prestacións, na Galiza presentáronse no mes de maio 48.165 solicitudes, das que se concederon un total de 45.801 axudas.

83.668 persoas foron beneficiaras de prestacións por desemprego no noso país durante o mes de maio, das que 37.128 recibiron prestacións contributivas, 41.525 un subsidio e 5.015 a renta activa de inserción.

Datos estatais

Por primeira vez desde 2008, o paro descendeu no Estado español por debaixo dos tres millóns de persoas. En concreto, os datos rexistrados polo Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE) son de 2.922.991 persoas paradas.

No mes de maio, o paro baixou en 99.512 persoas, mentres que, con respecto aos datos de maio de 2021, o descenso foi de 858.259 persoas.

A INFORMACIÓN GALEGA ESTÁ NA TÚA MAN!

Subscríbete ao noso boletín de novas.

Date de alta de balde e recibirás unha selección dos nosos artigos para saberes o que acontece.

comentarios